Martina Aneiros visita a nova casa niño financiada pola Xunta en Monfero

A delegada territorial lembrou que actualmente están en funcionamento na comarca as habilitadas nos municipios de A Capela, As Somozas, Cerdido e Moeche
 

O Goberno galego incrementou nun 10% a axuda anual para as casas niño na última convocatoria polo que as súas promotoras reciben 2.000 euros máis ao ano

Monfero (A Coruña), 7 de setembro de 2022

A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, desprazouse esta mañá ao lugar de O Xestal, en Monfero, onde se está a habilitar a quinta casa niño coa que contarán as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal de cara a este curso e que se suma ás que están en funcionamento en A Capela, As Somozas, Moeche e Cerdido.

Trátase dunha iniciativa da cooperativa Caixatitiripaca ou o que é o mesmo, Natalia Pardo e Ana Pena, dúas educadoras infantís de Oleiros que decidiron emprender no municipio neste municipio eumés, na planta baixa dunha vivenda que arrendaron no lugar.

Nas instalacións que están a acondicionar gracias a unha aportación de 15.000 euros da Consellería de Política Social e Xuventude, ofrecerán este curso unha atención profesional para un máximo de cinco nenas e nenos de 0 a 3 anos o que permitirá que os seus pais poidan compaxinar a vida laboral e persoal ao tempo que se fomenta a creación de emprego neste municipio da zona rural.

“Hai seis anos que a Xunta concedeu as primeiras axudas para a posta en marcha deste servizo de atención á infancia no rural e, na actualidade, xa son catro as casas niño en funcionamento en Ferrolterra, cinco cando comece a funcionar a de Monfero e preto dun centenar en toda Galicia”, lembrou Martina Aneiros.

 

Máis axudas

Nesta última convocatoria o Goberno galego incrementou nun 10% a axuda anual para as casas niño, de xeito que as súas promotoras recibirán 2.000 euros máis ao ano. Este aumento da achega autonómica busca dar resposta á suba dos gastos de luz ou seguros aos que tiveron que facer fronte as responsables destes centros nos últimos tempos. Outra das novidades será que cando cumpran os seis anos en funcionamento as casas niño recibirán unha axuda adicional de 500 euros para ir renovando o seu equipamento.

Imaxes relacionadas