A Xunta de Galicia apoia diversificar a implantación e o desenvolvemento de 48 novos proxectos no rural non vinculados estritamente ao sector primario

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Lugo as instalacións de Nuevos Jardines, unha das iniciativas que xa se beneficiaron do Galicia Emprende Rural
 

O programa leva mobilizados, no conxunto das súas catro edicións, máis de 22 millóns de euros, apoiando preto de 250 novas iniciativas empresariais no rural galego e a xeración de 500 empregos

Lugo, 7 de setembro de 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Lugo as instalacións de Nuevos Jardines, empresa que obtivo apoio a través do programa Galicia Emprende Rural para diversificar o seu negocio.

 

“Trátase dunha iniciativa que é un exemplo de emprendemento, de como vertebrar o territorio e de economía circular”, destacou Conde que explicou que a empresa, dedicada ao deseño, construción e mantemento de zonas verdes, está apostando por xerar novos produtos a través da redución de residuos xerados noutras actividades. En concreto, desenvolve un proxecto innovador centrado na revalorización de restos de poda como compoñente orgánico mediante compostaxe.

 

Tal e como explicou o vicepresidente económico, este ano o Goberno galego apoia diversificar a implantación e o desenvolvemento de 48 novos proxectos no rural galego non vinculados estritamente ao sector primario. Prevese mobilizar 3,3 millóns de euros dos que máis da metade (1,7M€) proceden das axudas do programa Galicia Emprende Rural do Goberno galego. En Lugo, en concreto, son 8 proxectos e unha mobilización de case 600.000 euros.

 

Unha iniciativa que, desde a súa posta en marcha, permitiu xa crear 500 empregos no rural galego promovendo distintos proxectos impulsados por emprendedores e autónomos. Neste sentido, no conxunto das súas catro edicións, o Galicia Emprende Rural mobilizou máis de 22 millóns apoiando preto de 250 novas iniciativas empresariais. A liña, desenvolvida pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación a través do Igape, está cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

 

Entre as actividades industriais prioritarias que o Galicia Emprende Rural vén impulsando figuran as medioambientais, TIC, prestación de servizos de enxeñería, arquitectura ou veterinaria, artesanía e comercio polo miúdo ou restauración.

 

Conde finalizou avogando por seguir traballando nesta liña, con proxectos que axuden a vertebrar o rural a través da xeración de emprego e tamén na promoción de actividades vinculadas á sostibilidade, á economía circular e á dixitalización.

 

Con este obxectivo de favorecer a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, pero sen focalizar a acción no ámbito rural, a Xunta vén desenvolvendo, tamén a través do Igape, o programa Galicia Emprende, que no período 2017-2021 aprobou 364 proxectos emprendedores, con máis de 25 millóns en axudas e un mobilizado que supera os 54 millóns de euros.

Imaxes relacionadas