A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou esta mañá no acto de presentación do documento en Padrón, na Estación de tratamento de auga potable

A Xunta lanza unha nova guía de boas prácticas nas redes de abastecemento de auga para fixar criterios comúns e garantir a súa integración coa paisaxe

A publicación recolle unha serie de recomendacións co dobre obxectivo de fixar criterios básicos á hora de planificar a construción destas infraestruturas e, á vez, indicar medidas correctoras para mellorar as existentes e mitigar posibles impactos

Trátase da duodécima publicación elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio no marco da Colección Paisaxe Galega, impulsada no ano 2012

Padrón (A Coruña), 7 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia acaba de publicar a Guía de boas prácticas para a integración paisaxística de redes de abastecemento de auga potable, unha publicación na que se recollen toda unha serie de recomendacións co dobre obxectivo de fixar criterios básicos e comúns á hora de planificar a construción deste tipo de infraestruturas e, á vez, compendiar medidas correctoras co fin de mellorar as xa existentes e mitigar os seus posibles impactos sobre a contorna.

 

O lugar escollido para a presentación da guía, a duodécima publicada ata o momento polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) dentro da Colección Paisaxe Galega e en cuxa elaboración colaborou Augas de Galicia, foi a Estación de Tratamento de Auga Potable de Casal-río Ulla, unha instalación que dá servizo aos veciños de Padrón.

 

Durante o acto, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou precisamente que esta instalación é “unha mostra de bo facer”, como exemplo de integración paisaxística e de como infraestruturas de uso público tan necesarias como as potabilizadoras de auga poden facerse desde o respecto ao entorno no que se levantan e ás diferentes paisaxes.

 

Neste sentido, explicou que o documento pretende establecer criterios e directrices prácticas a aplicar tanto de forma preventiva, identificando os problemas e eivas máis frecuentes detectados da análise de varias ETAP existentes en Galicia, como para corrixir aspectos das xa construídas que repercutan de forma positiva na contorna.

 

En concreto, a guía aconsella que no deseño de futuras infraestruturas de abastecemento se busquen localizacións próximas a recursos hídricos, con certa separación de núcleos de poboación e adaptando o tamaño das instalacións aos terreos.

 

En canto ás recomendacións destinadas ás xa construídas, cómpre subliñar medidas de mitigación como, por exemplo, tapar parte das instalacións con elementos vexetais ou de materiais integradores como a madeira ou a construción de peches e o uso de pinturas anti-graffiti no exterior.

 

A nova Guía para a integración paisaxística das redes de abastecemento de auga potable, cunha tirada inicial de ao redor de 700 exemplares e dispoñible tamén para a súa consulta e descarga a través do portal web do IET, enmárcase na Colección Paisaxe Galega, un compendio de publicacións monográficas impulsado no ano 2012 polo IET para abordar temáticas paisaxísticas concretas co fin de establecer criterios comúns e recomendacións técnicas sobre a integración coa contorna en diferentes campos.

 

Neste sentido, Ángeles Vázquez indicou que, ata o momento, o seu departamento investiu máis de 770.000 euros na elaboración das 12 guías xa publicadas e seguirá apostando por este tipo de publicacións monográficas para integrar todo tipo de actividades nas diferentes formas de paisaxe.

 

“Galicia é fermosa e ese fermosismo temos que seguir coidándoo e ás veces non se trata só de economía senón de gusto e de saber como facelo”, declarou a conselleira, quen avanzou que hai varias guías en proceso de elaboración —a Guía de boas prácticas sobre deseño e instalación de cartelería comercial, a de recomendacións básicas para a integración paisaxística de parques empresariais, a de instalacións portuarias da Xunta, e o Atlas da paisaxe dos Camiños Xacobeos— e outras propostas que se están a valorar.

Imaxes relacionadas