A Xunta amplía a rede pública autonómica de escolas infantís coa apertura e posta en marcha do novo centro da Guarda, no que se investiron 845.000 €

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiron esta mañá á estrea desta escola infantil, que conta con 32 cativos matriculados para este curso

Todos os nenos e nenas matriculados recibirán unha atención educativa de oito horas diarias completamente gratuíta, unha medida na que Galicia é pioneira en España

“Temos máis de 200 escolas infantís espalladas por toda Galicia, pero era necesario traer este servizo á Guarda e hoxe poñémolo en marcha grazas ao compromiso da Xunta e, ademais, coa boa nova da gratuidade, o cal axudará moito ás familias economicamente e máis no actual contexto de inflación crecente”, sinalaron

A Guarda, 7 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, vén de ampliar a rede pública autonómica de escolas infantís coa apertura e posta en marcha, dende este mesmo curso, do novo centro da Guarda, no que se investiron 845.000 euros froito dun convenio entre o Goberno galego e a administración local. Desta contía, a Administración autonómica achegou o 60% a través de fondos Feder e o Concello puxo a cantidade restante.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiron esta mañá á estrea desta escola infantil, que xa comezou as súas actividades o pasado luns ao igual que no resto de Galicia, xunto ao alcalde, Antonio Lomba, e outros representantes municipais.

 

Este centro infantil comeza a súa andaina con 32 cativos matriculados, que se reparten en sete na unidade de 0 a 1 anos, once na de 1 a 2 anos, entre os que se atopa un con necesidades especiais, e catorce na de 2 a 3 anos. Sen embargo, este servizo de conciliación aínda dispón de máis capacidade, posto que conta con 41 prazas distribuídas nas tres citadas unidades.

 

Gratuidade

Ademais, todos os nenos e nenas matriculados van recibir unha atención educativa e formativa completamente gratuíta, durante oito horas ao día, grazas á aprobación desta medida por parte da Xunta, que converte deste xeito a Galicia en pioneira en aplicar esta iniciativa. Así, dáselle continuidade, de xeito universal, á gratuidade que se aplicaba na matrícula de segundos fillos e sucesivos dunha mesma familia dende o ano 2020.

 

“Temos máis de 200 escolas infantís espalladas por toda Galicia, pero era necesario traer este servizo á Guarda e hoxe poñémolo en marcha grazas ao compromiso da Xunta e, ademais, coa boa nova da gratuidade, o cal axudará moito ás familias economicamente e máis no actual contexto de inflación crecente, posto que estimamos un aforro de entre 1.500 e 2.000 euros anuais por cativo”, sinalaron os representantes autonómicos.

 

Edificio novo

A nova escola infantil pública da Guarda rematouse o pasado mes de abril tras un investimento de 845.000 euros por parte da Xunta e do Concello que permitiu construír un novo edificio de dúas plantas en substitución de dous vellos inmobles en desuso, que databan dos anos sesenta e que albergaban vivendas para mestres e o antigo comedor do colexio Manuel Rodríguez Sinde.

 

Na planta baixa emprazáronse as zonas de cadeiras para bebés, hixiene e descanso, as aulas, o espazo de usos múltiples, o patio de xogos e o despacho de dirección, mentres que no primeiro andar habilitáronse os usos auxiliares da escola, a sala de xuntas, a oficina, os vestiarios e o almacén. Nos últimos catro meses, e tras rematar o edificio, procedeuse a dotalo de equipamento e servizos e a artellar o sistema de funcionamento lectivo e de conciliación.

Imaxes relacionadas