Arranca en Santiago a VIII edición do Congreso Internacional de la SMYR co apoio da Xunta

Esta cita bianual destaca por ser un dos foros internacionais de maior prestixio e proxección no ámbito dos estudos medievais e renacentistas

Congrega a máis de 160 investigadores que terán ocasión de presentar e debater os resultados dos seus traballos sobre o estudo do texto literario a través das súas fontes

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na inauguración oficial do VIII Congreso Internacional da Sociedad de Estudios Medievales y Renacentistas (La SEMYR) baixo o título La trama del texto. Fuentes literarias y cultura escrita en la Edad Media y el Renacimiento, que se celebra na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela entre os días 7 e 9 de setembro de xeito presencial. O encontro conta co apoio da Xunta de Galicia.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sinalou “a importancia do estudo das fontes e textos medievais e renacentistas, pertencentes a un período histórico moi interesante para abordar desde a perspectiva da lingua galega”. “Isto permite aproveitar, ademais, os recursos como son os departamentos universitarios de investigación e o propio Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que leva moito investigando neste ámbito, o que fai que teña un carácter internacional e a posibilidade de realizar congresos de tal calibre como este”, engadiu.

 

Xunto ao secretario xeral de Política Lingüística estiveron presentes o vicerreitor do profesorado da Universidade de Santiago de Compostela, Ernesto Xosé González; o decano da Facultade de Filoloxía, Elías J. Feijó; o presidente de La SEMYR, Juan Gil, e Pilar Lorenzo, presidenta da comisión local organizadora.

 

La SEMYR conta entre os seus socios con profesores e alumnos universitarios e investigadores pertencentes a bibliotecas, museos e outras institucións académicas ou culturais de todo o mundo. Promove a celebración deste congreso de periodicidade bianual, que destaca por ser un dos foros internacionais de maior prestixio e proxección no ámbito dos estudos medievais e renacentistas.

 

Esta edición presenta como fío condutor o estudo do texto literario a través das súas fontes e congrega a máis de 160 investigadores que terán ocasión de presentar e debater os resultados dos seus traballos.

 

Ademais do programa de conferencias, os asistentes ao congreso poderán gozar dunha serie de actividades que o Comité organizador preparou en colaboración coa USC e a Xunta, entre elas dúas exposicións de manuscritos e impresos na Biblioteca universitaria e no Convento de San Francisco.