O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades visita as instalacións desta nova infraestrutura no Edificio Fontán que estará plenamente operativa neste trimestre

Román Rodríguez avanza que o novo Centro de Innovación Educativa Dixital será “un punto de inflexión para a educación galega”

O centro irá un paso por diante no cambio metodolóxico e emprego de novos recursos didácticos, para reforzar a posición de Galicia á vangarda do ensino

Enmarcado na Estratexia de Educación Dixital 2030, funcionará como lugar de referencia para toda a comunidade escolar e catalizador das novas tendencias
 

“Coa activación deste centro, Galicia completa un proceso no que foi pioneira a nivel nacional ao presentar a iniciativa, e que sitúa á nosa Comunidade na liña doutros países europeos como Alemaña ou Dinamarca”, destaca o conselleiro

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou este martes as instalacións do novo Centro de Innovación Educativa Dixital, que cualificou como “un punto de inflexión para a educación na nosa Comunidade en termos de metodoloxía escolar e de emprego de novos recursos didácticos”. Un centro que irá un paso por diante no cambio metodolóxico, para reforzar a posición de Galicia á vangarda do sistema educativo e o núcleo no que se van para deseña as mellores ofertas educativas para todo o profesorado galego.

 

O titular do departamento educativo do Goberno galego destacou que a Xunta de Galicia quere “comezar este novo curso académico reforzando a aposta por un modelo educativo apoiado na innovación pedagóxica, na modernización do sistema e na investigación, apostando por un modelo de presente e de futuro”. “Dentro desta aposta, un dos grandes proxectos é este centro, que está chamado a converterse nun lugar de referencia para mestres e centros de toda a rede educativa de Galicia, xa que del emanará a nova visión que queremos imprimir por todo o entorno educativo”, engadiu.

 

A este respecto, o conselleiro lembrou que esta nova infraestrutura, está enmarcada na Estratexia de Educación Dixital 2030, “que fomentará unha nova visión da educación con protagonismo expreso das competencias dixitais, da innovación e da cooperación” para potenciar “a calidade, a eficiencia e a equidade que xa definen a educación en toda Galicia, e facilitar así un salto de calidade de todo o sistema”.

 

“Coa activación deste centro, Galicia completa un proceso no que foi pioneira a nivel nacional ao presentar a iniciativa, e que sitúa á nosa Comunidade na liña doutros países europeos como Alemaña ou Dinamarca”, salientou o conselleiro.

 

Funcións do novo centro

O novo Centro de Innovación Educativa Dixital analizará as tendencias educativas, identificará as necesidades pedagóxicas do sistema e ofrecerá solucións innovadoras ao respecto. En resumo, funcionará como un catalizador de innovación pedagóxica, o órgano encargado de identificar, diagnosticar e obter conclusións sobre a realidade educativa e de transferilas aos mestres, en beneficio de todo o alumnado.

 

Situado no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, a súa posta en funcionamento redundará na modernización do sistema educativo e na mellora da cualificación do profesorado. Ademais, será un punto de encontro entre as universidades de maxisterio e os centros educativos, promovendo novos proxectos.

 

O centro será, ademais, a pedra angular da formación docente no que se refire ao cambio metodolóxico, potenciando o desenvolvemento das competencias profesionais docentes mediante a posta en práctica de actividades e programas formativos, ámbito no que colaborará de forma estreita coa Rede de Formación do Profesorado. Neste sentido, nel formaranse formadores de docentes que despois prestarán servizo en dita rede.

 

Prospección e investigación

Entre os seus obxectivos estratéxicos figuran a mellora das habilidades e competencias dixitais, a construción de coñecemento que sirva de soporte e anclaxe ás políticas en materia de educación dixital ou favorecer a experimentación de novos espazos físicos e virtuais de acordo coas debidas pautas normativas, éticas e de seguridade.

 

A este respecto, o centro conta con espazos nos que se van realizar prospeccións, indagacións e investigacións das tendencias que no futuro máis inmediato poden ir configurando os sistema educativos, de tal forma que Galicia poida ir un paso por diante neste aspecto e avanzar na súa implantación. Para iso, hai aulas de espazos maker e para traballar coa realidade virtual, a robótica e a programación, entre outros.

 

Así mesmo, os traballadores do centro farán informes exhaustivos e pilotaxes de cuestións de interese, como a análise dos contidos educativos que ofrece o mercado antes de trasladalos ás aulas.

Imaxes relacionadas