A Xunta reclama ao Ministerio de Sanidade cambios nos criterios da formación MIR que permitan acreditar máis prazas formativas de medicina de familia

O conselleiro de Sanidade mantivo hoxe unha reunión cos xefes de estudos das unidades docentes de medicina familiar e comunitaria das sete áreas sanitarias para consensuar o documento coas propostas de reforma


A Xunta reclamará mudar os criterios que impiden formar novos profesionais en máis do 70% dos centros de saúde de Galicia


Comesaña lamentou que o Goberno de España rexeitase prever na convocatoria MIR deste ano unha posible ampliación no caso de poderse acreditar máis prazas, tal e como tiña solicitado Galicia
 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022 A Xunta de Galicia reclamará ao Ministerio de Sanidade reformas na normativa reguladora dos requisitos de acreditación de unidades docentes de atención familiar e comunitaria que faciliten a creación en Galicia de máis prazas formativas de medicina de familia e abordar deste xeito o déficit de especialistas que sofre toda España. Así o acordou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nunha xuntanza mantida esta mañá cos xefes de estudos das unidades docentes de medicina familiar e comunitaria das sete áreas sanitarias.

Nesta reunión, á que tamén asistiu o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa, chegouse a un consenso sobre o contido do documento co que a Consellería de Sanidade dará resposta á solicitude efectuada polo Ministerio de Sanidade de propostas de requisitos de acreditación das unidades docentes multiprofesionais de atención familiar e comunitaria.

No documento que se remitirá ao Ministerio de Sanidade, a Xunta de Galicia insiste na necesidade de mudar os criterios que se esixen actualmente para que un centro sanitario poida acoller residentes de medicina de familia, de xeito que poidan acceder a elo a meirande parte dos centros galegos, actualmente excluídos pola rixidez da normativa vixente.

Actualmente só 100 dos máis de 450 centros de saúde galegos poden cumprir cos requisitos de acreditación fixados polo Ministerio, o que impide a máis do 70% dos centros de primaria participar na formación de residentes.

O goberno galego considera incomprensible o mantemento destas limitacións nun contexto de escaseza de especialistas de medicina de familia que require incrementar a formación de novos profesionais, polo que demandan medidas que o posibiliten.

Así, ínstase a reducir a esixencia de que os centros que opten a formar residentes de medicina de familia deban ter un mínimo de catro efectivos de medicina de familia e catro de enfermaría, considerando que tal criterio prexudica especialmente a comunidades con poboación dispersa como a galega, nas que a proximidade asistencial leva á existencia dun gran número de centros de saúde máis pequenos.

Nese sentido, proponse tamén que a esixencia de pediatría alí onde o residente realice a súa formación non se limite ao centro ao que este formalmente adscrito senón que se permita que o aprendizaxe de campo relacionada con esta especialidade poida levarse a cabo mediante rotacións noutros centros de saúde distintos da mesma área.

Tamén se traslada unha proposta semellante en relación aos requisitos esixidos aos dispositivos hospitalarios asociados a esta formación, aspirando a que boa parte da mesma poida realizarse nos hospitais comarcais, organizando rotacións nos hospitais de cabeceira de área só con motivo de aquelas actividades asistenciais non dispoñibles nos comarcais.

En resumo, as propostas van na liña de optimizar a capacidade formativa da rede sanitaria pública galega, evitando que centros de atención primaria e hospitais comarcais, que poderían ofertar formación a residentes en medicina de familia, queden excluídos. A inclusión da capacidade destes centros que agora quedan fóra do proceso formativo pola rixidez dos requisitos permitiría ampliar o número de residentes de esta especialidade que o sistema sanitario galego pode formar anualmente.

Demandas ante a inacción do Goberno de España

Nese sentido, o conselleiro trasladou aos xefes de estudos a súa decepción coa decisión do Goberno de España de rexeitar a inclusión na vindeira convocatoria de formación sanitaria especializada dunha cláusula que permitira ampliar o número de prazas ofertadas no caso de poderse acreditar máis nos vindeiros meses.

A pesar das reclamacións neste sentido da Xunta e doutros gobernos autonómicos no seo do Consello Interterritorial, o Goberno de España vén de publicar no Boletín Oficial do Estado a convocatoria sen contemplar esa posibilidade. Isto pecha as portas a poder incrementar a oferta nun contexto de déficit xeneralizado en toda España de especialistas en medicina de familia, mesmo aínda que se apurase esta reforma dos criterios de acreditación sobre a que Galicia leva anos insistindo.

De feito, o contido do documento que se remitirá ao Goberno de España coincide, en esencia, coas suxestións que a Xunta de Galicia achegara de xeito proactivo hai xa case un ano, cando o Ministerio iniciara o trámite de consulta pública previa dunha futura Orde Ministerial reguladora destes aspectos. Daquela, Galicia remitira xa unha vintena de propostas de reforma. Porén, dado que desde entón non se tiveron noticias do avance da tramitación desa Orde e ante a petición explícita por parte do Ministerio, o goberno galego reitéraas agora co respaldo dos encargados de coordinar a docencia neste eido.

Cómpre lembrar que existe un acordo unánime do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde de abril de 2018 relativo á necesaria revisión e flexibilización dos criterios de acreditación das prazas formativas de especialidades deficitarias como a medicina de familia cuxo cumprimento continúa pendente a pesares de reiteradas solicitudes por parte da Xunta de Galicia, a última delas a través dun manifesto pactado co Goberno Vasco e que recibiu o apoio de cinco gobernos autonómicos máis.

Galicia ofertará na vindeira convocatoria 207 prazas formativas de especialista en medicina familiar e comunitaria, 65 máis que o ano pasado. Isto representa un incremento de máis do 45% na capacidade formativa galega desta especialidade, un esforzo moi destacado fronte a un incremento total de prazas formativas desta especialidade en toda España dun 5%. De feito, máis da metade das prazas formativas que se amplían este ano en España para medicina familiar e comunitaria créanse en Galicia.

En consecuencia, unha vez chegado ao límite da súa capacidade formativa coa normativa vixente, a Xunta de Galicia insistirá na reforma urxente desta normativa para ampliar o número de centros de saúde que poidan formar médicos de familia e, deste xeito, poder crear máis prazas e abordar o déficit de especialistas en medicina de familia que afecta a todo o Sistema Nacional de Saúde.

Toda vez que os propios informes do Ministerio de Sanidade sitúan á medicina de familia como a especialidade “con peores prognósticos de déficit” de profesionais nos vindeiros anos, o goberno galego reclamará unha vez máis que o Goberno de España tome as medidas normativas que están na súa man para resolver este déficit con ofertas formativas extraordinarias nos vindeiros anos.

Imaxes relacionadas