O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visita as obras da Vía de Alta Prestacións (VAP) Tui-A Guarda

Rueda avanza a posta en servizo a mediados de 2023 dun novo treito da VAP Tui-A Guarda entre o polígono de Areas e a A-55 tras un investimento de 21 M€

Subliña que a Xunta prevé contar en outono coa declaración de impacto ambiental da infraestrutura ata Goián e avanzar noutros tramos
 

Lembra que o Goberno galego incrementou nun 70% os quilómetros de Vías de Altas Prestacións desde 2009, o que supón que “oito de cada dez galegos están a menos de 15 minutos” dunha destas estradas

Tui (Pontevedra), 6 de setembro de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou a posta en servizo a mediados de 2023 dun novo treito da Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui-A Guarda entre o Polígono empresarial de Areas e a autoestrada A-55, logo dun investimento de 21 millóns de euros. “Trátase dunha infraestrutura vital que atravesa unha das zonas máis poboadas e puxantes da provincia de Pontevedra, ao carón de Portugal co tráfico e intercambio que iso supón”, sinalou Rueda, quen engadiu que esta vía tamén “vai facilitar a actividade” neste importante polígono industrial “que agora mesmo está completo”.

 

Durante unha visita á construción dun dos treitos deste eixe estratéxico para a comarca do Baixo Miño e o sur da provincia de Pontevedra, Rueda asegurou que o tramo –de 600 metros de lonxitude— supón un desafío para a enxeñería, pois enlaza sobre unha glorieta elevada unha vía cara un polígono empresarial, unha autovía internacional (A-55), unha estrada nacional (N-551) e unha autonómica (PO-552). Para executar esta obra, que se atopa ao 40% da execución, a Xunta está a realizar unha das maiores apostas orzamentarias dos últimos anos en materia de estradas.

 

O presidente da Xunta recalcou, así mesmo, a intención do Goberno autonómico de continuar coa construción da totalidade da VAP. Logo de levar investidos máis de 80 M€ na infraestrutura, subliñou que este mesmo outono está previsto contar coa Declaración de Impacto Ambiental que ampare a continuidade da Vía de Alta Capacidade ata Goián, así como avanzar no enlace desde Areas ata a PO-350 en Sobrada (Tomiño) e o que transcorre entre Estás e Goián.

 

Vertebración de Galicia

Por outra banda, o titular do Executivo autonómico puxo en valor a aposta da Xunta na vertebración da Comunidade a través da aposta en infraestruturas, tanto novas como renovadas. “Desde 2009 construímos 220 quilómetros de vías de altas capacidades na Comunidade, o que supón un incremento dun 70% respecto aos quilómetros que había aquel ano. Isto supón que oito de cada dez galegos viven hoxe a menos de 15 minutos dunha vía deste tipo”, resaltou, destacando que este tipo de infraestruturas axudan a “vertebrar o país”.

Imaxes relacionadas