A Xunta habilitará unha senda peonil na estrada OU-933 na contorna do IES Cosme López Rodríguez no Concello da Rúa

As obras, que suporán un investimento autonómico de preto de 50.000 euros, comezarán nas vindeiras semanas


Executarase unha nova senda de preto de 700 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho pola marxe dereita da vía, na que se atopa o IES e onde existen accesos a vivendas adxacentes, mellorando a accesibilidade e a seguridade viaria neste treito


O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable


A Xunta habilitará unha senda peonil na estrada OU-933 na contorna do IES Cosme López Rodríguez no Concello da Rúa
 

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2022

A Xunta habilitará unha nova senda peonil na estrada autonómica OU-933, na contorna do IES Cosme López Rodríguez, no concello da Rúa.

As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Lemos Martínez S.L. por un importe de 44.452 euros e comezarán nas vindeiras semanas.

Con esta actuación conectarase o núcleo da Rúa co instituto IES Cosme López Rodríguez, na avenida de Almendralejo, para o que se executará unha nova senda pola marxe dereita da  estrada OU-933, na que se atopa o IES e onde existen accesos a vivendas adxacentes á estrada. Actualmente o tránsito peonil realízase empregando a beiravía.

A senda terá preto de 700 metros de lonxitude. A súa anchura media será de 1,80 metros, con treitos puntuais nos que pode variar o ancho entre os 1,50 e 2,00 metros, dependendo do espazo dispoñible.

Deste xeito, acondicionarase o sobreancho existente na beiravía desta estrada autonómica, entre os puntos quilométricos 59+440 e 60+095, para o seu uso como senda peonil, mellorando así a accesibilidade e a seguridade viaria neste treito.

Os traballos inclúen a execución dunha capa de solo seleccionado, de 20 centímetros de espesor mínimo que servirá de soporte do pavimento da senda. Sobre esta capa, disporase pavimento de formigón, de 12 centímetros de espesor, que irá armado nos puntos coincidentes con accesos e na curva existente no quilómetro 59+920.

Naqueles treitos onde a día de hoxe existe gabia de terras, a xeometría da sección será a de senda gabia de formigón. Neste caso executaranse arquetas e sumidoiros, que desaugarán a un colector de PVC de 400 mm de diámetro situado baixo a gabia e que conectará coa rede de drenaxe existente.

 

Ademais, entre o punto quilométrico 59+465 e o 59+515, disporase un peche de malla de 1 metro de altura, entre o límite da senda e o terraplén existente, como complemento de mellora da seguridade viaria.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa mellorando a rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.

 

Imaxes relacionadas