O presidente da Xunta mantivo unha reunión cos membros da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega

Rueda resalta o papel do Consello da Cultura Galega e chama á cooperación para afrontar a oportunidade para o sector que supoñen os fondos europeos

Subliñou que o Goberno galego xa demandou, en varias ocasións, ao Executivo central a creación dun Perte cultural para impulsar un sector “clave e estratéxico”

Galicia presentou unha candidatura con 19 proxectos que contan cun orzamento global de preto de 400 M€

O presidente e os membros do Consello analizaron accións de cara ao 40 aniversario desta entidade que se conmemora o vindeiro ano

 

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2022.-

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión cos membros da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega durante a que resaltou o importante labor que realiza esta entidade na Comunidade e avogou pola cooperación para facer fronte aos “importantes” retos que o sector cultural ten por diante, entre eles a gran “oportunidade” que supón a chegada de fondos europeos.

 

Durante o encontro con Rosario Álvarez —­reelixida como presidenta do Consello hai só uns meses— e cos membros da nova Comisión, Rueda lembrou que a Xunta xa demandou en varias ocasións ao Goberno central a elaboración dun PERTE cultural a nivel estatal para destinar parte dos fondos europeos á proxectos que impulsen e transformen un sector clave e estratéxico no conxunto do país. De feito, co obxectivo de captar financiación, o Goberno galego xa presentou unha candidatura con 19 proxectos culturais -vinculados ao patrimonio, museos, a música ou o audiovisual – que contan cun orzamento global de preto de 400 millóns de euros.

 

Ademais, durante a reunión na que tamén estivo presente o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, analizáronse os principais retos aos que se enfronta o sector tras a crise derivada da pandemia así como colaboracións entre Consello e Xunta cara a importantes efemérides que terán lugar nos vindeiros meses. Especialmente, Rueda e os membros do Consello da Cultura Galega abordaron accións cara ao 40 aniversario desta entidade que traballa pola defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego e que se conmemorará o vindeiro ano. Tamén se analizou a colaboración de cara a celebrar o centenario da fundación do Seminario de Estudos Galegos.

 

Imaxes relacionadas