A Policía Autonómica esclarece dous incendios intencionados no Concello da Pobra do Caramiñal

Foron lumes provocados preto dunha área recreativa e que afectaron 3.600 metros cadrados de superficie arborada

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 42 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2022

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Santiago de Compostela veñen de esclarecer dous incendios forestais intencionados entre o 5 e o 14 de agosto no concello da Pobra do Caramiñal. En total calcináronse 3.600 metros cadrados de superficie arborada.

 

Os lumes foron provocados en días diferentes preto dunha área recreativa, localizada nunha carballeira, un a cada lado do camiño e aproveitando a dirección do vento para conseguir a propagación efectiva das lapas.

 

No decurso da investigación foi fundamental a colaboración cidadá, que coa declaración das testemuñas posibilitou a detención do presunto autor. A Policía Autonómica remitiu as dilixencias polos feitos ao Xulgado de Ribeira.

 

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 42 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

 

A Xunta lembra que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, o Goberno galego sinala que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais apela á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios de cara a evitar o rexistro de incendios.