A Xunta inicia as obras de mellora do firme en 6 estradas autonómicas da provincia da Coruña, que supoñen un investimento autonómico de máis de 2,4 M€

Acondicionarase o firme en treitos de varias estradas ao paso polos municipios de Oleiros, Cambre, Aranga, Curtis, Cerceda, Frades e Mesía, coa realización de fresados, a reposición con mestura bituminosa en quente e a renovación da sinalización horizontal

Os traballos, cun prazo de execución de seis meses, comezáronse hoxe na estrada AC-230 en Montesalgueiro, no concello de Aranga

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade segue traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas vías cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2022

A Xunta iniciou hoxe as obras de mellora do firme en seis estradas autonómicas da provincia da Coruña, que supoñen un investimento autonómico de máis de 2,4 millóns de euros.

A intervención, que conta cun prazo de execución de 6 meses, consiste na rehabilitación do firme en varios treitos das estradas AC-174, AC-214, AC-230, AC-400, AC-415 e AC-524, que discorren polos concellos de Oleiros, Cambre, Aranga, Curtis, Cerceda, Frades e Mesía.

 

As actuacións en execución comezaron hoxe pola estrada AC-230 en Montesalgueiro, ao seu paso polo concello de Aranga.

 

Os traballos nesta vía, así como no resto das estradas incluídas neste contrato, céntranse na realización de fresados localizados nos treitos de actuación e nas reposicións do firme con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.

Imaxes relacionadas