O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou no seminario Políticas regionales ante el reto demográfico

A Xunta destaca o carácter pioneiro de Galicia en materia de conciliación

O encontro, celebrado por videoconferencia, foi organizado polo Goberno de Asturias para recoller as iniciativas das distintas Comunidades

Detallou o contido da Lei de Impulso Demográfico aprobada o pasado ano polo Parlamento galego, a primeira normativa neste ámbito en todo o Estado

Puxo en valor que Galicia convértese este curso na primeira Comunidade en facer gratuíta a atención educativa 0-3 en todas as escolas infantís

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou o carácter pioneiro de Galicia nas medidas aprobadas en materia de conciliación durante o seminario Políticas regionales ante el reto demográfico. O encontro, celebrado por videoconferencia, está organizado polo Goberno de Asturias e na súa inauguración participou o presidente do Principado, Adrián Barbón.

 

En concreto, o director xeral lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade en aprobar unha Lei de Impulso Demográfico onde se aglutinan e se blindan iniciativas para facer fronte ao envellecemento da poboación. Entre as medidas recollidas neste marco normativo atópase o fomento dos recursos de conciliación en todo o territorio cunha atención especial ao ámbito rural.

 

Jacobo Rey referiuse tamén ao inicio do curso 2022-23 que se inicia hoxe nas escolas infantís de Galicia. Neste aspecto, puxo en valor que será o primeiro no que a atención educativa será 100% gratuíta para todos os nenos, tanto para os que acoden a unha escola infantil pública, como a unha privada ou a unha de iniciativa social.

 

Galicia é a primeira Comunidade en aplicar esta medida o que, de novo, volve situar á Comunidade á cabeza na conciliación e na axuda ás familias. O director xeral destacou que se trata dunha medida que beneficiará a 30.000 familias galegas que aforrarán ao ano entre 1500 e 2000 euros e que foi moi ben acollida tanto polo sector como pola poboación en xeral.