A Xunta convoca para outubro e decembro os propietarios dos terreos necesarios para a mellora na estrada PO-315 en Cangas, que suporá un investimento de máis de 265.000 €

O levantamento de actas previas á ocupación terá lugar o 5 de outubro das 10:00 ás 12 horas no salón de plenos do Concello, e a súa formalización, o 14 de decembro, no mesmo horario e lugar
 

Os traballos, que contan cun prazo de execución de 4 meses e están en fase de contratación, teñen como obxectivo reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios e favorecer unha mobilidade máis sustentable
 

A intervención realizarase entre os puntos quilométricos 10+100 e 10+380, e na contorna do 13+500, para reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios
 

Melloraranse os percorridos peonís con beirarrúas e unha pasarela e reordenaranse as interseccións de acceso á praia de San Cibrán e as paradas de autobús
 

Na parroquia de Dardo acometeranse tres actuacións puntuais para dar continuidade á beirarrúa actual
 

O Goberno galego continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2022

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para outubro e decembro, dos actos expropiatorios para executar as obras de mellora na estrada PO-315, no concello de Cangas, que contan cun investimento de máis de 265.000 euros.

 

Os actos para o levantamento das actas previas á ocupación terán lugar o día 5 de outubro, das 10:00 ás 12:00 horas, no salón de plenos do Concello de Cangas. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 14 de decembro, no mesmo horario e lugar.

 

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información: https://bit.ly/3Rp7F9O

 

O obxectivo desta intervención é reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios e favorecer unha mobilidade máis sustentable na zona. As obras contan cun prazo de execución de 4 meses, están xa licitadas e nestes momentos, en fase de avaliación das ofertas presentadas polas empresas para a súa execución.

 

Os traballos desenvolveranse entre os puntos 10+100 e 10+380 ao seu paso pola parroquia de Aldán e prevén a mellora dos percorridos peonís, con novas beirarrúas accesibles e unha pasarela peonil aparellada a un pontón sobre o río para permitir a continuidade da beirarrúa.

 

Neste tramo incluirase, ademais, a reordenación das interseccións de acceso á praia de San Cibrán, dos pasos de peóns e das paradas de autobús, xunto coa renovación da rede de pluviais e o alumeado.

 

Nun segundo treito do proxecto, entre os puntos 13+200 e o 13+550, acometeranse tres actuacións puntuais para dar continuidade á beirarrúa actual, na parroquia de Darbo. Para isto, executarase en cada caso un pequeno muro de espigón.

 

As obras serán financiadas con fondos europeos REACT EU como parte de resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19 dentro do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.