A Xunta convoca a liña de axudas para impulsar a dinamización das prazas de abastos e crear unha rede de mercados excelentes

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou do novo programa, dotado con 870.000 euros, nunha visita ao mercado de Vilanova de Arousa
 

A convocatoria, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), contempla axudas tanto para os concellos como para as asociacións e federacións de praceiros
 

Salienta o papel que desenvolven as prazas na vertebración do territorio en Galicia, e a súa importancia na dinamización económica e subliña a colaboración con municipios e comerciantes para alcanzar unha rede de Mercados Excelentes

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 5 de setembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, informou hoxe nunha visita ao mercado de Vilanova de Arousa (Pontevedra) do novo programa de axudas dotado con 870.000 euros co que a Xunta de Galicia impulsará a dinamización das prazas de abastos e a creación dunha rede de mercados excelentes nos municipios galegos.

 

A convocatoria, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), contempla axudas tanto para os concellos como para as asociacións e federacións de praceiros. Realizaranse melloras en accesos e infraestruturas, no mantemento ou na eficiencia enerxética, de acordo ao compromiso do Goberno galego de colaborar cos comerciantes, pemes e autónomos para facer fronte aos problemas actuais do prezo eléctrico. Tamén se impulsará a mellora dos servizos á clientela, a creación de marketplaces ou campañas de dinamización.

 

Nos últimos seis anos a Xunta destinou 2,6 millóns ao impulso das prazas de abastos a través das ordes de axudas destinadas a concellos e asociacións de comerciantes.

 

Durante a súa visita, Conde salientou o papel que desenvolven prazas como a de Vilanova de Arousa na vertebración do territorio en Galicia, e a súa importancia na dinamización económica, sendo un exemplo do que significa o comercio de proximidade na Comunidade. Por iso, salientou a aposta decidida pola Xunta por impulsar unha rede de Mercados Excelentes en Galicia, en colaboración cos concellos e as asociacións e federacións de comerciantes.

Imaxes relacionadas