O DOG publica a lista de aspirantes seleccionados para cubrir as 106 prazas de especialistas en atención primaria

O acceso á praza sen exame é unha medida pioneira en España que sitúa a Galicia na vangarda da selección de emprego público en categorías que requiren especialización

Os facultativos prestarán os seus servizos tanto nos centros de saúde como nos Puntos de Atención Continuada e incorporaranse a finais de setembro
 

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2022.

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe, 5 de setembro, a resolución coa puntuación definitiva do proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso como persoal fixo á categoría de facultativo especialista de atención primaria, así como os/as aspirantes seleccionados/as. En total, son 106 prazas de especialistas en atención primaria que incorporaranse a finais do mes de setembro.

Esta categoría de facultativo/a especialista de atención primaria foi creada como parte do colectivo profesional do persoal médico de familia, pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, coa previsión dun proceso selectivo pioneiro no sector mediante concurso de méritos.

 

Así, en case 4 meses dende a convocatoria publicada a finais de abril, xa está na fase final coa incorporación prevista para finais deste mes de setembro, sendo o proceso de selección máis rápido en resolverse da historia. Todo isto amosa o compromiso indubidable do Servizo Galego de Saúde coa estabilización do persoal e, en maior medida, co persoal de categorías con déficit de persoal dispoñible.

 

Así mesmo, o acceso á praza sen exame é unha medida pioneira en España que sitúa a Galicia na vangarda da selección de emprego público en categorías que requiren especialización. Esta medida supón poder dotar de médicos con estabilidade nas localidades nas que van prestar servizos e por tanto redundan en beneficio da cidadanía. Algunhas prazas son de nova creación, o que supón un incremento de persoal, polo que queda clara a aposta de Galicia pola atención primaria.

O persoal tomará posesión en prazas básicas que comportan a prestación de servizos en prazas de centros de saúde coa súa cota de pacientes asignados así como tamén un máximo de 2 gardas mes nos PAC que se determinan. Este modelo de prestación de servizos en xornada ordinaria e punto de atención continuada está previsto noutras comunidades autónomas. 

Dos 106 aspirantes seleccionados, 13 accederon pola quenda de promoción interna e 6 pola quenda de discapacidade xeral. O resto de prazas cubriranse pola quenda libre (86), pois ás 73 prazas ofertadas por esta quenda engádense as non cubertas pola quenda de promoción interna (14).

Imaxes relacionadas