Román Rodríguez sinala que o conxunto de medidas da Xunta para afrontar o curso escolar supón un aforro de 107 M€ para as familias galegas

O conselleiro de Educación explica que o Goberno galego leva traballando desde hai meses para que “a galopante inflación afecte o menos posible á educación e, sobre todo, afecte menos a quen máis o precise”

O aumento do 50 % da partida para libros de texto, o comedor escolar bonificado, o transporte totalmente gratuíto, a dotación de recursos tecnolóxicos de balde ou a conxelación das taxas universitarias son algunhas das accións en marcha

Avanza que seguirán analizando as medidas que sexan necesarias para continuar garantindo a calidade e equidade do ensino galego a prol da igualdade de oportunidades e a xustiza social

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2022

O conxunto de medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia en materia educativa nos últimos anos e que se intensificaron nos últimos meses debido ao contexto de inflación supoñen un aforro ás familias galegas con fillos en idade escolar ou universitaria de arredor de 107 M€.

 

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, explicou hoxe -con motivo dunha entrevista na Radio Galega- que unha das principais preocupacións do Goberno galego neste inicio de curso é que a “inflación galopante que vivimos afecte o menos posible á educación e, sobre todo, afecte menos a quen máis o precise”.

 

Co fin de afrontar este contexto, a Consellería de Educación vén de intensificar algunhas das medidas que levan anos funcionando como o apoio ás familias para o acceso aos libros de texto e material escolar, o comedor escolar bonificado, o transporte totalmente gratuíto, a dotación de recursos tecnolóxicos de balde para os nenos ou a conxelación das taxas universitarias.

 

Non obstante, recalcou que o seu departamento seguirá “analizando e implementando” todas as medidas que sexan necesarias para continuar garantindo a calidade e equidade do ensino galego e, deste xeito, blindar “a igualdade de oportunidades e a xustiza social”.

 

Libros de texto e currículos

Así mesmo, lanzou unha mensaxe de tranquilidade ás familias no que atinxe á dispoñibilidade dos libros de texto xa que, segundo trasladan as editoriais, agardan ter os manuais nas librarías nos primeiros días do inicio do curso salvo “algún caso concreto dalgunha materia”. O conselleiro lembrou que isto deriva da tardanza do Goberno do Estado en aprobar os currículos da nova lei educativa, unha situación que “desde o Goberno galego levamos tempo tratando de encauzar”.

De feito, desde o pasado abril, tanto as editoriais como o conxunto da comunidade educativa galega coñecen os textos dos currículos, o que lles permite a organización e planificación do curso. Tan só restan os últimos pasos de tramitación administrativa para aprobación no Consello da Xunta, pero que non afectan aos contidos xa publicados.

 

Incremento do 50 % en libros texto e comedor

Román Rodríguez lembra que este ano o seu departamento incrementa nun 50 % a partida para libros de texto e material, con 25 M€ fronte aos 17 M€ do curso pasado, que alcanza o 75 % de familias beneficiarias. Isto garante que o incremento de custos non se traslade ás familias, xa que é a Xunta quen o asume.

 

Tampouco vai repercutir nas familias o aumento de custos de prestación de servizo de comedor -que seguirá sendo bonificado en función da renda-, ou de transporte gratuíto.

 

Máis prazas e 50 M€ en comedores

O investimento total do departamento educativo da Xunta de Galicia en materia de comedores escolares é de preto de 50 M€. Esta cifra duplica o orzamento de 14,6 M€ que se destinaba en 2007 a este mesmo fin. Ademais, o número de prazas aumentou un 30 % desde o curso 2008/2009. En concreto, temos case 17.000 prazas máis.

 

En total o departamento educativo da Xunta xestiona 417 comedores. Pola súa banda, as anpas son responsables de 203 comedores e os concellos de 49. En ambos os casos, a Consellería colabora economicamente coa prestación destes servizos, ao igual que coas entidades de atención á diversidade. A falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 76.767, das cales 62.415 son xestionadas directamente pola Xunta (o 81,3 %) e 14.352 por anpas ou concellos.

 

O investimento en comedores escolares en Galicia supón o 10 % de toda España malia que a súa poboación representa menos do 6 %.

 

Transporte gratis para máis de 80.000 estudantes

No que atinxe ao transporte, prestarase servizo –segundo as estimacións provisionais– a 80.285 alumnas e alumnos de 774 centros públicos. Ademais, darase transporte adaptado a 394 alumnos de centros de Educación Especial que non son públicos a través de convenios cunha quincena de entidades.

 

Deste xeito Galicia volve ser a primeira Comunidade do Estado no referido ao volume que representa este servizo educativo complementario, concentrando o 21,6 % do gasto de transporte escolar en España. Máis de 1 de cada 5 euros investidos en todo o Estado proceden da Xunta. A Xunta inviste cada curso preto de 120 M€ para prestar o servizo, contando tamén o prestado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

 

Máis profesorado con menos alumnos

No que atinxe ao profesorado, Román Rodríguez recalcou que este curso vai haber un maior número de docentes que antes da pandemia, malia á perda de 15.000 alumnos nas etapas de Infantil e Primaria. A falta de pechar os datos definitivos de matrícula en Formación Profesional, o conselleiro explicou: “Sabemos que imos ter máis profesores que no momento prepandémico e que imos ter un número semellante aos do ano pasado, pese a esa importante perda de matrículas”, abondou.

 

Finalmente, amosouse optimista coa recuperación da normalidade nas aulas a partir desta semana para canalizar todos os esforzos da escola “no que ten que ser, que é formar aos nosos nenos e mozos” e reiterou o agradecemento ao conxunto da comunidade educativa -sobre todo de profesorado, familias e alumnos- polo grao de responsabilidade e compromiso amosado durante toda a crise sanitaria.