A Xunta apoia unha operación financeira para facilitar a mellora da competitividade e a viabilidade da cooperativa vitivinícola San Roque de Beade

Así o confirmou hoxe o conselleiro do Medio Rural nunha visita a esta adega, inscrita no Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro

Beade (Ourense), 4 de setembro de 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou hoxe a Adega Cooperativa San Roque de Beade (Ourense), adscrita ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro. Alí, confirmou a colaboración financeira prestada por parte da Xunta -a través da sociedade mercantil pública Xesgalicia- a esta entidade vitivinícola, para facilitar a súa viabilidade e mellorar a súa competitividade.

 

O conselleiro puxo en valor esta colaboración público-privada e agradeceu especialmente aos cooperativistas o seu compromiso e o seu apoio a unha operación que vai garantir o futuro da actividade da cooperativa.

 

Así, Xesgalicia -adscrita á Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación- apoiará mediante un préstamo participativo a esta adega cooperativa. Parte deste préstamo utilizarase para pagar as uvas aportadas polos cooperativistas nas dúas últimas colleitas.

 

O conselleiro do Medio Rural destacou a importancia desta operación financeira para impulsar a denominación de orixe Ribeiro en xeral e o futuro da cooperativa en particular, tendo en conta que esta adega ten unha capacidade instalada suficiente como para procesar arredor de dous millóns de litros de viño.

 

A sociedade San Roque de Beade agrupa actualmente máis de 50 cooperativistas, aos que o titular de Medio Rural agradeceu o seu compromiso e esforzo a prol da mellora da competitividade deste proxecto, que estaba a atravesar por dificultades económicas e que, en virtude desta operación financeira, vai afrontar o seu futuro como unha iniciativa sólida.

Imaxes relacionadas