A Xunta mantén abertas as convocatorias para impulsar a economía circular e a dixitalización no tecido empresarial galego

A liña de axudas destinada a proxectos para o desenvolvemento da economía circular suma 1,5 millóns para promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos

Tamén se destinan 5,4 millóns a unha nova edición dos obradoiros e axudas á dixitalización de pemes e autónomos


Ambas as dúas convocatorias estarán abertas ata o 8 de setembro

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, mantén abertas ata o vindeiro 8 de setembro dúas liñas que buscar promover e facilitar a transformación industrial e a dixitalización de pemes e autónomos galegos. Trátase da liña destinada a proxectos para o desenvolvemento da economía circular e os obradoiros e axudas á dixitalización que, no seu conxunto suman preto de 7 millóns de euros.

Por unha banda, o programa de axudas para o desenvolvemento de proxectos da economía circular, busca promover novos modelos de negocio circulares mediante a optimización de recursos, a redución no consumo de materias primas e o aproveitamento dos residuos.

En réxime de concorrencia competitiva, os apoios poden supoñer o 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25% para as medianas, cun límite máximo subvencionable de 200.000 euros nos proxectos colectivos e de 75.000 euros en proxectos individuais.

Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50% do importe dos apoios, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos e ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.

Deste xeito, o Goberno galego da un paso máis na Estratexia Galega de Economía Circular, que establece como principios básicos para a transición cara a este modelo económico a redución, reutilización e reciclaxe e as estratexias de deseño sostible.

Por outra banda, tamén está aberta unha nova edición do programa de obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0. Deste xeito, apóiase a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; mentres que os obradoiros funcionan como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse a convocatorias de axudas.

Esta é a sétima convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018 -no caso das axudas aprobáronse xa máis de 850 solicitudes ás que engadir os 86 obradoiros impulsados-, concedéndose axudas por máis de 20M€, que levan mobilizado 40 M€ en investimentos para impulsar a reactivación do tecido empresarial a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.

En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos.

Como no programa de economía circular, prevense anticipos do 50% do importe, cubríndose, no caso das axudas á dixitalización, o 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas. No caso dos obradoiros, acada o 100% dos gastos subvencionables cun máximo de 25.000 euros por proxecto.

Imaxes relacionadas