A Xunta pon de relevo en Segovia o potencial do sector resineiro galego para a xeración de emprego e a fixación de poboación no rural

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e o do Centro de Investigación Forestal de Lourizán interviñeron esta semana nas xornadas técnicas de presentación de resultados dos grupos operativos supraautonómicos Resinlab e Acrema
 

Neste último participa o Goberno galego, para compatibilizar o aproveitamento da madeira e a resina nos piñeirais do noroeste peninsular de cara a xerar unha xestión forestal máis activa que revalorice as masas desta especie
 

A maiores destas iniciativas, na nosa comunidade véñense desenvolvendo proxectos de investigación, campos de ensaio e accións de cooperación, estudando a mecanización e o rendementos das operacións ou mellorando a pureza da resina
 

Así, desde 20147 elevouse de unha a arredor de 50 toneladas a produción resineira galega, cunha repunta dos postos de traballo e das empresas vinculadas, tanto desde o punto de vista de traballos forestais como de enxeñería e consultoría ambiental

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2022

A Xunta puxo de relevo esta semana en Segovia o potencial do sector resineiro galego de cara á xeración de emprego, a fixación de poboación no rural e unha xestión forestal máis activa que revalorice as masas de piñeiro. Así, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez, participaron nas xornadas técnicas de presentación de resultados dos grupos operativos supraautonómicos Resinlab e Acrema, para facer balance das aportacións efectuadas pola nosa comunidade no segundo deles.

 

Partindo de que a produción de madeira de piñeiro concentra a maior actividade do sector forestal do noroeste peninsular, o obxectivo é combinala co aproveitamento resineiro adaptándoo ás particularidades ambientais e socioeconómicas do norte de España e buscando a calidade da resina producida de cara á súa transformación na industria. Nesa liña, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria aludiu aos proxectos de investigación, campos de ensaio e accións de cooperación con axentes do medio rural e da industria de primeira transformación promovidos pola Xunta, para estudar as posibilidades, produción e rendementos da resinación en Galicia, así como para coñecer a compatibilidade do aproveitamento da madeira co da resina.

 

En concreto, José Luis Cabarcos destacou as accións de cooperación para estudar a mecanización e os rendementos das operacións de resinación co gallo de mellorar a obtención de resinas naturais e posteriormente, a partir de metodoloxías innovadoras, a busca do aproveitamento de resinas de maior pureza. Sinalando que os traballos se realizaron en diferentes localizacións das catro provincias galegas, engadiu que tamén se divulgaron a través de diferentes campos de ensaios as diferentes técnicas de resinado e os resultados destes estudos.

 

Precisamente, o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán aportou as metodoloxías de extracción de resina compatibles cun aproveitamento de madeira de calidade. Foi no marco dun programa no que tamén participaron representantes dos grupos integrados polas universidades de Santiago e Vigo para a modelización da produción resineira, para a cuantificación económica das esternalidades positivas asociadas ao sector resineiro ou para o uso estrutural de madeira resinada.

 

Cómpre engadir que exerceu como coordinadora do grupo operativo Acrema a empresa de consultoría e enxeñería ambiental Foresin, con sede en Lugo e que ten Galicia e Asturias como os seus principais ámbitos xeográficos de actuación.

 

O sector da resina

Desde a primeira experiencia en 2014 (1 resineiro, 400 piñeiros resinados e 1.000 quilogramos de produción), a evolución do sector en Galicia foi constante atraendo o interese de resineiros, propietarios, comunidades de montes veciñais e empresas técnicas especializadas.

 

Deste xeito, actualmente conseguiuse multiplicar a resina xerada ata roldar os 50.000 kg, creando postos de traballo e empresas vinculadas, tanto desde un punto de vista de traballos forestais e de explotación resineira como de enxeñería e consultoría ambiental. A previsión a curto prazo é superar os 100.000 kg.

Departamento:
C. do Medio Rural