O conselleiro, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, visita as obras de reforma integral do instituto As Lagoas dentro dos preparativos para o inicio de curso

Román Rodríguez salienta que “A educación avanza en Galicia” no novo curso escolar co regreso ás aulas de 311.179 alumnos desde Infantil ata Bacharelato

Afirma que o “modelo de éxito” do ensino galego, avalado polos resultados na última década, “evoluciona renovando e ampliando os plans que funcionan e aprobando outros “para dar resposta a novos retos e preparar a Galicia de mañá”

O xoves día 8 incorpóranse os estudantes de todas as etapas educativas tanto de ensino obrigatorio como non obrigatorio nun comezo unificado

Inician a súa actividade 1.591 centros, dos que 1.206 son de titularidade pública

A matriculación experimenta unha redución xeneralizada en todas as ensinanzas, agás na ESO e no Bacharelato ordinario, cun lixeiro incremento próximo ao 1%

En Infantil e Primaria hai case 15.000 alumnos menos ca no curso prepandemia

Aínda así, o sistema educativo público galego vai contar nestas dúas etapas con 130 aulas máis en funcionamento das que había antes da covid

Ourense, 03 de setembro de 2022

O curso 2022/23 comeza o vindeiro xoves día 8 para un total de 311.179 alumnos de Infantil, Primaria, Educación Especial, ESO e Bacharelato cun descenso xeneralizado da matrícula en todas as ensinanzas, agás na ESO e no Bacharelato, cun lixeiro incremento próximo ao 1%. No referido á FP, o terceiro período de matriculación remata o día 6, polo que os datos aínda non están dispoñibles.

 

Dentro da rolda de preparativos para este regreso ás aulas, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe en Ourense o instituto As Lagoas, onde a Xunta de Galicia está a investir máis de 1M€ na súa rehabilitación integral. Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, puido comprobar o avance desta reforma de gran envergadura.

 

O proxecto forma parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno autonómico, dotada con 191M€, para deseñar un modelo pioneiro de escolas poscovid que mellora o día a día de alumnos e profesorado, moderniza e adapta os edificios ás novas metodoloxías educativas e contribúe ao aforro enerxético.

 

Ante este inicio de curso, o conselleiro salientou que “a educación avanza en Galicia para acompañar aos máis pequenos e á mocidade na súa formación”. “E facémolo cunha evolución tranquila: renovando e ampliando aqueles plans que funcionan e creando outros para dar resposta aos novos retos e preparar a Galicia de mañá”.

 

Novos plans en marcha

Referíase así a iniciativas en marcha como a Estratexia Educación Dixital 2030, os Polos Creativos, a Estratexia Galega de FP 2030, a Estratexia de Linguas Estranxeiras ou o Plan Lía (Lectura, Información e Aprendizaxe) de Bibliotecas Escolares, todos eles aprobados ao longo do último ano con novas medidas e orientacións. 

 

Neste sentido, avanzou que a Xunta traballa para dar luz verde este outono a novos plans en ámbitos como a convivencia ou a inclusión, entre outros proxectos.

 

O obxectivo, como afirmou, “é manter o nivel do noso ensino”, un “modelo de éxito” grazas ao que hoxe “acadamos os mellores resultados académicos da nosa historia, cunha redución do abandono escolar de case 18 puntos, ata mínimos históricos, ou o liderado en estudos de prestixio a nivel internacional como o informe PISA”.

 

“Tras a pandemia, na que o sistema mostrou a súa fortaleza coa implicación de todas as persoas da comunidade escolar, cómpre avanzar e non conformarnos”, resumiu.

 

Datos de matrícula

En total, serán 1.591 os centros educativos que inicien a súa actividade o xoves día 8, dos que 1.206 son de titularidade pública. O resumo do alumnado que estuda neles, tanto a nivel autonómico como por provincias, pode consultarse na seguinte táboa e, de forma máis detallada, no dossier adxunto a esta nota de prensa:

Etapas
Curso 2022/23
Educación Infantil
51.757
Educación Primaria
129.063
Educación Especial
1.080
ESO
95.100
Bacharelato ordinario
34.179
Total
311.179

Nas etapas de Infantil e Primaria hai case 15.000 alumnos menos ca no curso 2019/20, o inmediatamente anterior á pandemia. Aínda así, o sistema educativo público galego vai contar nestes cursos con 130 aulas en funcionamento das que había entón:

 

Curso 2019/20

Curso 2022/23
Diferenza

Alumnos totais de Infantil e Primaria

195.693
180.820
- 14.873
Unidades en centros  públicos
7.451
7.581
+130

En canto ao profesorado, aínda non están dispoñibles os datos definitivos, pero a previsión é que se superen as cifras previas á covid, en termos similares ás do pasado ano académico, coas variacións propias da adaptación ás necesidades de cada etapa. En todo caso o conselleiro garantiu que haberá “todos os recursos necesarios”.

Imaxes relacionadas