O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado polo delegado da Xunta en Ourense, visita o avances das obras de rehabilitación integral do IES As Lagoas

Román Rodríguez destaca un investimento de 16M€ para a mellora dos centros educativos de Ourense a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Sinala que a Xunta ten en marcha na provincia 18 grandes actuacións por 9,4M€ e prepara proxectos para outras 6 por 5,6M€

Ademais, este verán realízanse 62 pequenas intervencións por 1,1M€

O proxecto nas Lagoas céntrase en reducir o consumo enerxético do centro nun 48% e inclúe traballos complementarios de acondicionamento interior

Ourense, 3 de setembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o instituto As Lagoas, na cidade de Ourense. Acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén, comprobou o avance das obras de rehabilitación integral deste centro, unha intervención de gran envergadura, cuxo orzamento supera os 1,1M€. Seguindo o calendario da obra, está previsto que remate a finais de outubro, facendo compatible o remate co normal desenvolvemento das clases como é habitual neste tipo de proxectos.

 

A obra enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da eficiencia enerxética dos centros educativos. “Desde 2017 temos investido máis de 112M€ neste tipo de actuacións, o que supón un aforro enerxético medio do 45%, tanto en kwh/m2 como en emisións de CO2”, explicou Román Rodríguez. “Co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica intensificamos este traballo, destinando o 40% do total de 191 M€ deste plan a accións de sustentabilidade e eficiencia enerxética”, salientou.

 

Precisamente, o conselleiro fixo balance da execución na provincia do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno autonómico para deseñar un modelo pioneiro de escolas poscovid que mellora o día a día de alumnos e profesorado, moderniza e adapta os edificios ás novas metodoloxías educativas e contribúe ao aforro enerxético.

 

No caso de Ourense, o investimento neste momento ascende xa a 16M€. En concreto, están en marcha 18 grandes actuacións por 9,4M€ que se atopan en distintas fases en función dos prazos previstos: rematadas, en execución, en licitación ou para próxima licitación. Ademais, este verán lévanse a cabo outras 62 pequenas intervencións de menor envergadura por 1,1M€. Tamén avanzou que a Xunta ten en carteira outras 6 grandes obras, por 5,6M€, cuxos proxectos prepara nestes momentos.

 

Melloras no edificio orixinal e na ampliación

A rehabilitación integral do IES As Lagoas abrangue tanto o volume primitivo inicial do centro como a parte ampliada posteriormente para aulario. A parte dirixida á mellora da eficiencia enerxética inclúe a substitución da maioría dos elementos da carpintería exterior por uns de maior estanqueidade e maior resistencia térmica, así como a colocación de novas caixas de persianas con illamento incorporado. Ademais, aplícase illamento nas fachadas, mellórase a cuberta e instálase iluminación LED.

 

A maiores, renóvase totalmente a sala de caldeiras, pasando do subministro de gasóleo ao de gas natural e instalando paneis solares térmicos. Con estas medidas chegarase a un aforro no consumo do 48%.

 

Por outra banda, acométense traballos complementarios, como a colocación de falso teito e o acondicionamento interior das aulas, despachos e zonas comúns (pintado da carpintería interior e radiadores). Ademais, constrúese unha soleira de formigón armado baixo o porche exterior da fachada norte.

Imaxes relacionadas