A Xunta traslada á Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia as posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias informoulles que no primeiro ano de vixencia desta norma estanse a mobilizar máis de 9.300 hectáreas de superficie
 

José Balseiros explicoulles as posibilidades que ofrecen a posta en marcha de polígonos agroforestais e de aldeas modelo para recuperar e poñer en valor terra produtiva
 

Lembrou que as explotacións de ovino e caprino tamén poden solicitar as axudas -a través de préstamos- que sacou a Consellería do Medio Rural para dar apoio ao sector cárnico, dotadas con algo máis de 17 millóns de euros

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo unha xuntanza de traballo con representantes da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia – Ovica para afondar sobre as diversas posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

 

Así, Balseiros trasladoulles que dita norma está a mobilizar máis de 9.300 hectáreas un ano despois da súa entrada en vigor. Neste senso, destacou que en Galicia xa están declaradas un total de 21 aldeas modelo, as cales supoñen a recuperación de 574 hectáreas de terra con boa aptitude agronómica que se atopaban en estado de abandono ou infrautilización. Desta forma, salientou, non só se impulsou unha nova actividade económica que permite xerar riqueza na contorna destas aldeas, senón que -ao tempo- se reduce o risco de incendios forestais e mellora a calidade de vida dos veciños dos núcleos que se busca poñer en valor.

 

Ademais, o director xeral tamén lles comentou que a día de hoxe hai en marcha 21 polígonos agroforestais que supoñen a posta en valor de 8.788 hectáreas. Destes, 10 están xa iniciados -que supoñen a recuperación de 4.114 hectáreas- e 11 atópanse en fase de actuacións previas.

 

Nesta liña, Balseiros trasladou que a través destas ferramentas que incorpora a Lei estanse a recuperar grandes espazos produtivos segundo o tipo de cultivo máis acaído ou de maior tradición en cada zona. Así mesmo, ao abeiro dos polígonos, reestrutúranse as parcelas para que teñan un tamaño suficiente que garanta a rendibilidade en función dos cultivos, dando prioridade ás explotacións galegas instaladas que demanden base territorial, como poden ser as explotacións inscritas a esta asociación.

 

Noutra orde de cousas, o director xeral lembrou que as explotacións de ovino e caprino tamén poden solicitar as axudas -a través de préstamos- que sacou a Consellería do Medio Rural para dar apoio ao sector cárnico, dotadas con algo máis de 17 millóns de euros. Así, recordoulles que os produtores poderán acudir ás entidades bancarias para solicitar e recibir estes préstamos a custo cero e de forma inmediata ata o vindeiro 15 de setembro. Unha axuda, reiterou Balseiros, que se verá reforzada coa presentación da estratexia do sector cárnico e que permitirá concretar os puntos fortes deste sector tan estratéxico para o medio rural galego.

Imaxes relacionadas