O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou en Touro na clausura da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros

A Xunta reafirma o seu compromiso a prol do sector gandeiro galego con medidas como o Plan estratéxico do sector lácteo ou o impulso á mellora xenética

O representante da Consellería do Medio Rural puxo en valor avances como a aplicación informática Conta Láctea ou a produción de seme sexado por parte da empresa pública Xenética Fontao

Touro (A Coruña), 2 de setembro de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou este mediodía na clausura da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros e na entrega de placas e mencións honoríficas ás mellores explotacións galegas. Neste evento, salientou a puxanza do sector gandeiro na nosa comunidade e puxo en valor este tipo de certames, como citas de referencia para este eido produtivo.

 

Ademais, o director xeral salientou o compromiso da Xunta con este ámbito, que se pon de manifesto con iniciativas como o Plan estratéxico do sector lácteo ou a aposta pola mellora xenética -con avances significativos, caso dos relativos á produción de seme sexado por parte da empresa pública Xenética Fontao-.

 

Tamén en relación co eido leiteiro, José Balseiros lembrou a importancia da aplicación informática Conta Láctea -creada ao abeiro do referido Plan- para mellorar a posición negociadora dos gandeiros sobre os prezos dos seus produtos. Esta ferramenta, lembrou, permite aos gandeiros calcular o que lles custa producir cada litro de leite e facilítalles a xestión profesional e empresarial das súas explotacións.

 

Nesta liña, o director xeral puxo tamén en valor o alto nivel acadado polos gandeiros galegos mozos en materia de manexo do gando, un feito que -salientou- queda evidenciado en certames como este de Touro, que reivindicou como cita sectorial de referencia en Galicia.

Imaxes relacionadas