A Xunta colabora na mellora do parque infantil situado no CRA de Sergude, en Boqueixón

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe a localidade para comprobar as actuacións levadas a cabo ao abeiro da Orde de infraestruturas do Goberno galego, que supuxeron unha achega de 35.000 euros

As obras consistiron na instalación dunha cuberta e na renovación do pavimento e dos elementos de xogo

O orzamento global da liña de axudas ascende este ano a 3,5 millóns de euros

Boqueixón (A Coruña), 2 de setembro de 2022

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o concello de Boqueixón para coñecer as actuacións desenvolvidas no parque infantil situado no exterior do CRA de Sergude. As obras, realizadas ao abeiro da Orde de infraestruturas de uso público da Xunta, supuxeron unha achega de 35.000 euros.

A través da iniciativa renovouse o parque infantil coa instalación dunha cuberta de 156 m2 e dun novo pavimento, a prol dun maior confort e seguridade da rapazada. Ademais, o espazo dotouse cun conxunto de xogos infantís composto por dous resortes individuais, un bambán dobre de aceiro inoxidable e un conxunto torre de xogos realizado en madeira de piñeiro. A actuación vén completar as xa desenvolvidas nos parques infantís de Lestedo e Camporrapado, nos que tamén se instalaron cubertas co apoio da Xunta.

A directora xeral sinalou a importancia destas accións para ofrecerlles á rapazada e ás familias un espazo de lecer seguro e que poida ser utilizado ao longo de todo o ano. Segundo apuntou, este é o principal obxectivo da Orde infraestruturas de uso público, facilitarlles ás administracións locais e á cidadanía unhas axeitadas infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais.

Ademais, coas axudas búscase tamén garantir un equilibrio entre o medio rural e o urbano, o interior e a costa, que permita tanto o desenvolvemento económico da totalidade do territorio galego como unhas óptimas condicións de vida da cidadanía con independencia do lugar de residencia. 

A Orde de infraestruturas de uso público destínase a concellos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Neste ano, o orzamento global previsto para as actuacións ascende a 3,5 millóns de euros.

 

Máis de 316.000 euros investidos en Santiago

Concretamente, na área de Santiago concedéronse nove axudas que beneficiarán aos concellos de Arzúa con Melide, Rois con Dodro, Boimorto con Vilasantar, Boimorto, Ordes, Oroso, Vedra, Frades e Trazo. A Xunta destinará máis de 316.000 euros a estas nove actuacións de melloras das infraestruturas, que mobilizarán máis de 538.000 euros.

Desde a creación da orde, en 2009, o Goberno galego mobilizou máis de 44 millóns de euros para financiar 1.480 proxectos en concellos de toda Galicia, dos que 125 se executaron o pasado ano e 108 serán executados este ano.

A medida forma parte das diferentes liñas de axudas a prol das administracións locais. Segundo sinalou Natalia Prieto, o Concello de Boqueixón recibiu nos últimos anos máis de 400.000 euros para diversas actuacións tanto en infraestruturas como de protección e mellora ambiental.

Imaxes relacionadas