O Festival Galicia Ilusiona, que promove a Xunta, recala na unidade de pediatría do HULA

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliña que o auditorio Gustavo Freire da cidade acolle mañá un dos pratos fortes da programación, a gran gala que protagonizarán algúns dos mellores magos de todo o mundo

Lugo, 2 de setembrode 2022.- O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona, que promove a Xunta, recalou hoxe na Unidade de Pediatría do Hula co fin de facer partícipes dos espectáculos aos rapaces e rapazas que alí están ingresados.


O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, asistiu á actividade, na que os pequenos desfrutaron dunha función de maxia de preto da man dos ilusionistas Dani Polo e Pedro Bugarín, directores do festival. Tamén estiveron a xefa territorial de Sanidade, Begoña Seco, e o director de Procesos con Ingreso da área sanitaria, Fernando Fernández Lamelo, entre outras persoas.


Unha das vertentes da iniciativa é a Maxia Solidaria, que percorre as plantas de pediatría de diferentes hospitais galegos para achegar as actuacións aos nenos e nenas que non poden desprazarse ata os teatros ou salas.


Da man do Xacobeo 21-22, a Xunta achega por toda a provincia diferentes espectáculos que teñen un dos seus pratos fortes na gala de maxia internacional que acolle mañá sábado ás 20.30 horas o auditorio Gustavo Freire da cidade de Lugo.


Algúns dos mellores magos do panorama internacional farán desfrutar aos asistentes da maxia de preto, escapismo, maxia de gran formato, telequinese, mentalismo, poesía máxica ou ilusionismo infantil. A gran gala máxica será o único espectáculo deste festival para o que se precise entrada, cun prezo único de 12 euros. As localidades están á venda na páxina webwww.galiciailusiona.es.


As funcións son para todos os públicos e os protagonistas serán o coreano Hyun Joon Kim, Primeiro Premio Mundial de Manipulación; Jimmy Delp, de Estados Unidos, Premio ao Mellor Mago Cómico, que recrea situacións totalmente insólitas; Arno, de Francia, que ten un dos números máis aplaudidos e premiados da historia da maxia mundial; Huang Zheng, de China, Premio Anéis Máxicos, que presenta o seu galardoado número Aire, unha proposta coidada e poética queleva aos espectadores ao mundo da maxia oriental; e o galego Dani Polo, Premio Ali Bongo, mago revelación europeo 2018. A súa especialidade son as grandes ilusións -persoas que aparecen da nada, voan ou se teletransportan ... -.


Imaxes relacionadas