O DOG publicará o vindeiro luns a lista de aspirantes seleccionados para cubrir as 106 prazas de especialistas en atención primaria

Os facultativos prestarán os seus servizos tanto nos centros de saúde como nos Puntos de Atención Continuada

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia publicará o vindeiro luns, 5 de setembro, a resolución coa puntuación definitiva do proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso como persoal fixo á categoría de facultativo especialista de atención primaria, así como os/as aspirantes seleccionados/as.

Esta categoría de facultativo/a especialista de atención primaria foi creada como parte do colectivo profesional do persoal médico de familia, pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, coa previsión dun proceso selectivo pioneiro no sector mediante concurso de méritos. Así, en case 4 meses dende a convocatoria publicada a finais de abril, xa está na fase final coa incorporación prevista para finais deste mes de setembro. O persoal tomará posesión en prazas básicas que comportan a prestación de servizos en prazas de centros de saúde coa súa cota de pacientes asignados así como tamén un máximo de 2 gardas mes nos PAC que se determinan. Este modelo de prestación de servizos en xornada ordinaria e punto de atención continuada está previsto noutras comunidades autónomas. 

Dos 106 aspirantes seleccionados, 13 accederon pola quenda de promoción interna e 6 pola quenda de discapacidade xeral. O resto de prazas cubriranse pola quenda libre (86), pois ás 73 prazas ofertadas por esta quenda engádense as non cubertas pola quenda de promoción interna (14).

Imaxes relacionadas