Galicia defende unha baixada do prezo eléctrico que se basee en incentivos, axudas e bonificacións a familias e empresas; no aproveitamento de todas as fontes de enerxía instaladas; e na diversificación tecnolóxica

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, inaugurou esta mañá en Pontevedra unha xornada informativa sobre comunidades enerxéticas e autoconsumo organizada por Cluergal

Confirma o compromiso do Goberno galego co impulso deste tipo de iniciativas e, por iso, a previsión é duplicar as axudas a autoconsumo dirixidas a fogares, empresas e administracións
 

Pontevedra, 2 de setembro de 2022.-

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, inaugurou esta mañá en Pontevedra unha xornada informativa sobre comunidades enerxéticas e autoconsumo organizada por Cluergal. Conde defendeu que a baixada do prezo eléctrico se soluciona a través de incentivos, axudas e bonificacións a familias e empresas; aproveitando todas as fontes de enerxía instaladas; e apostando pola diversificación tecnolóxica.

 

O vicepresidente primeiro, que lembrou o problema que o prezo eléctrico está causando tanto á industria como aos fogares, incidiu no reto que supón afrontar a transición enerxética e repasou as propostas presentadas polo Goberno galego para a elaboración do Plan de continxencia estatal.

 

Así, a Xunta de Galicia avoga por establecer recomendacións para familias e empresas e obrigas para as administracións. Neste sentido, a Administración autonómica xa leva tempo facendo os deberes: desde 2014 investiu 135 millóns de euros na mellora da eficiencia enerxética de edificios dependentes dela, e desde 2013 aforrou 60,5M€ nas facturas enerxéticas grazas á contratación centralizada. Por outra banda, o documento da Xunta recolle a necesidade de fomentar medidas que eviten a diminución ou parálise da actividade e, finalmente, aposta polas enerxías renovables e incentivar o autoconsumo.

 

Precisamente, Galicia vén de duplicar o crédito previsto nas axudas dirixidas a fomentar o autoconsumo en fogares, empresas e administracións e para proxectos de renovables no sector residencial, que xunto ao resto de medidas para fomentar a eficiencia enerxética suman 137M€ convocados este ano.

 

A aposta polas comunidades enerxéticas locais, que achegan enerxía e beneficios de proximidade, permitindo a rebaixa de custos enerxéticos e o aproveitamento de recursos renovables para contribuír ao desenvolvemento económico, tamén se encontra dentro dos obxectivos da Xunta. Neste sentido, Conde recordou a iniciativa para instalar a primeira comunidade enerxética nun polígono empresarial de Galicia, na Tecnópole, un proxecto mediante o cal se instalarán 2MW de enerxías renovables para que as compañías poidan acceder a un prezo enerxético máis competitivo.

 

O Goberno galego conta cunha folla de ruta, a Axenda Enerxética de Galicia 2030, coa que se pretende mobilizar, ata 2024, 1560 millóns de euros para facer da Comunidade un polo enerxético innovador apoiándose na economía circular, a mobilidade sustentable, os biocombustibles, e novas fontes de enerxía como a fotovoltaica ou o hidróxeno verde.

Imaxes relacionadas