A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, abordou co alcalde, Luis Oujo, as actuacións previstas para reducir as perdas de auga na rede municipal de abastecemento

A Xunta axuda a máis de 80 concellos a eliminar as fugas nas súas redes de abastecemento incrementando a súa blindaxe fronte á seca

Vázquez Mourelle explica que Xunta vén de ampliar ata os 600.000 € as axudas autonómicas para que as 83 entidades locais que así o solicitaron poidan beneficiarse delas e elaborar plans de actuación para atallar as perdas de auga nas súas redes de abastecemento
 

Detalla que as fugas nos abastecementos municipais roldan de media o 41% e chegan a superar o 60% nos concellos máis pequenos, sendo o obxectivo reducilas e situalas por debaixo do 20%
 

Destaca que as auditorías permitirán aos concellos programar actuacións para minimizar as perdas, sendo un instrumento indispensable para atallalas e afrontar mellor a seca
 

As auditorías realizaranse cunha metodoloxía única, para o que Augas de Galicia xa redactou unhas recomendacións que lle servirán de guía aos municipios
 

Cita a Porto do Son como exemplo de responsabilidade, pois solicitou a axuda para a elaborar o plan municipal fronte a seca, que está redactando, traballou na redución de perdas e pediu a subvención para erradicar as fugas nas redes de abastecemento

Porto do Son (A Coruña), 2 de setembro de 2022

A Xunta está a axudar a máis de 80 concellos a eliminar as fugas nas súas redes de abastecemento incrementando a súa blindaxe fronte á seca.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e co xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, abordou hoxe co alcalde, Luis Oujo, as actuacións previstas para reducir as perdas de auga na rede municipal de abastecemento.

 

Explicou que a Xunta vén de ampliar ata os 600.000 euros as axudas para que as 83 entidades locais que solicitaron estes incentivos poidan beneficiarse deles e elaborar plans de actuación para minimizar as perdas de auga nos seus sistemas.

 

Detallou que a día de hoxe as fugas nas redes de abastecemento municipais son moi importantes, pois sitúanse, de media, no 41% e chegan a superar o 60% nos municipios máis pequenos, de menos de 2.000 habitantes.

 

Neste sentido, chamou a traballar para atallar esta situación e lograr que os municipios sitúen as fugas por debaixo do 20%, unha meta á que contribuirán as auditorías promovidas con esta orde de axudas autonómicas, abertas a todos os concellos, tamén a aqueles que dependen de concas de responsabilidade estatal, como é a Demarcación Hidrográfica Miño-Sil.

 

As auditorías ofrecerán unha radiografía precisa das redes de abastecemento, permitindo coñecer con exactitude todo o sistema, a auga captada, subministrada e rexistrada, ou os núcleos de poboación servidos. Tamén servirán para detectar aqueles puntos concretos que presentan deficiencias para a súa corrección e arranxo.

 

A conselleira apuntou que as auditorías se realizarán cunha metodoloxía única, xa que Augas de Galicia redactou unhas recomendacións que lle servirán de guía aos municipios. Isto permitirá obter unha información valiosa sobre a porcentaxe de perdas de cada un dos concellos, e polo tanto, afrontar mellor situacións de escaseza de auga.

 

Segundo sinalou Ethel Vázquez, a partir das auditorías tamén os concellos poderán deseñar plans de actuacións para minimizar as perdas, evitando malgastar auga e enerxía e, en consecuencia, malgastar recursos públicos.

 

Lembrou que a escaseza de choivas fixo que, xa en febreiro, boa parte da demarcación Galicia-Costa, a conca hidrográfica de competencia autonómica, estivese en “situación de seca prolongada”.

 

No caso da bacía do río Tambre, á que pertence Porto do Son, a situación agravouse nas últimas semanas, o que levou á Xunta a declarar a “prealerta por escaseza” de auga na Oficina Técnica da Seca celebrada o 19 de agosto. Isto significa que xa se aprecia diminución do recurso dispoñible, polo que o abastecemento pode chegar a estar comprometido de non seguir medidas de aforro e de contención do consumo.

 

Ante esta situación, dixo que Porto do Son está a facer os seus deberes, pois solicitou a axuda da Xunta para a elaborar o plan municipal fronte a seca, que está redactando; traballou nos últimos meses na redución de perdas e tamén pediu a subvención para erradicar as fugas nas redes de abastecemento.

 

Tamén lembrou o traballo realizado polo Goberno galego nos últimos anos, para estar mellor preparados, con planificación e anticipación, para facer fronte con maior eficacia a estes episodios de seca e mitigar os seus efectos.

 

Así, a Xunta aprobou en 2019 a Lei de garantía de abastecemento, que prevía xa que os concellos realicen auditorías nas súas redes e se doten de plans de emerxencia fronte á seca.

 

Ademais elaborou o novo Plan de Seca de Galicia-Costa e impulsou a Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, que onte entrou en vigor, e que permitirá aos concellos que así o soliciten, blindar os seus sistemas de abastecemento fronte á seca, contando co apoio da Xunta.

Imaxes relacionadas