A Policía Autonómica esclarece un incendio no concello ourensán de Cenlle

O lume produciuse ao desprenderse material incandescente sobre a vexetación durante unha corta de pedra cunha radial

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 41 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2022
 
Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Ourense veñen de esclarecer o incendio forestal iniciado o pasado 29 de agosto no concello de Cenlle e que no día de hoxe está controlado tras afectar unha superficie provisional de 62 hectáreas.
 

Das investigacións deduciuse que o presunto autor estaba cortando pedra cunha radial, que ao desprender material incandescente sobre a vexetación provocou o lume na parroquia da Pena.

 

A Policía Autonómica remitiu as dilixencias polos feitos ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución en funcións de Garda de Ribadavia.

 

No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas 41 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

 

Ante a climatoloxía actual, a Xunta apela á concienciación e á prudencia nos accesos e traballos en terreos agrarios de cara a evitar o rexistro de incendios. Así mesmo, o Goberno galego lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.