O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, revisou hoxe as obras realizadas neste centro da rede pública autonómica

A Xunta e Concello destinan máis de 20.000 euros para mellorar a escola infantil pública autonómica do Hío

As obras consistiron na renovación das aulas e de diferentes espazos como a sala de usos múltiples, así como na impermeabilización e reposición de elementos danados na cuberta
 

Esta actuación súmase á que se realizou hai dous anos nesta mesma instalación e na que se investiron preto de 40.000 euros

Cangas (Pontevedra), 2 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia e o Concello de Cangas colaboran na mellora da escola infantil pública autonómica do Hío antes do inicio do curso. No día de hoxe , o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou o centro no que se investiron máis de 20.000 euros este verán para a renovación das cinco aulas que ten a instalación e a actualización de diferentes espazos como a sala de usos múltiples, entre outros aspectos.

 

Perfecto Rodríguez explicou que, de igual xeito que se fixo o ano pasado coa escola infantil A Choupana, na que se investiron máis de 50.000 euros para acondicionala; Xunta e Concello coordínanse para continuar mellorando servizos de grande importancia para as familias do municipio.

 

Neste caso, a maior parte do investimento, máis de 13.000 euros, achégaos o Goberno galego, e os 6.000 euros restantes, así como a execución dos traballos, corre a cargo da Administración local. Con este importe, ademais da renovación de espazos, tamén se realizaron actuacións de impermeabilización dos canos existentes, a reposición de elementos danados na cuberta e a instalación de herba artificial no patio exterior.

 

Outras actuacións

O xerente do Consorcio recordou que esta obra na escola infantil do Hío se suma a outra que se realizou hai apenas dous anos neste mesmo centro. No 2020 Investíronse preto de 40.000 euros no aumento das condicións de seguridade e no acondicionamento do illamento térmico; así como na substitución de pavimentos da zona exterior, e na limpeza e pintado do patio de xogos.

 

Perfecto Rodríguez salientou o conxunto de melloras que realiza a Xunta de Galicia nos meses de verán nos centros da rede pública autonómica para garantir as mellores condicións para os pequenos neste novo curso. As escolas infantís da Choupana e O Hío retomarán a súa actividade o día 5 de setembro.

 

Cómpre recordar que este setembro inicia un curso histórico no que a Xunta de Galicia pon en marcha a gratuidade para todos os fillos en todas as escolas infantís, sexan da titularidade que sexan. Esta medida pioneira en España permitirá que as familias galegas poidan aforrar entre 1500 euros e 2000 euros ao ano por fillo.

Imaxes relacionadas