A Xunta achega case 1 M€ para contratar a 39 orientadores laborais en 26 concellos e 14 entidades lucenses

Lugo, 1 de outubro de 2022

  A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade achega este ano preto dun millón de euros (991.000 €) para contratar a 39 orientadores laborais que dan servizo a 26 concellos e 14 entidades sen ánimo de lucro e confederacións e asociacións empresariais e sindicais da provincia de Lugo.

 

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución da orde de axudas que concede o Goberno galego para cubrir ou manter estes postos de traballo durante un ano, “coa fin de seguir impulsando o fomento do emprego a nivel local”.

 

As administracións locais lucenses beneficiarias suman 362.000 euros en axudas para facer 14 contratos. En canto ao reparto, Lugo recibe fondos para dous traballadores; mentres que Sarria, Foz, Ribadeo, Burela e Monforte de Lemos terán un cada un. Tamén obteñen apoio para compartir un orientador as seguintes agrupacións de concellos: Sober co Saviñao e Pantón; Quiroga con Ribas de Sil e Folgoso do Courel; Cervo con Alfoz e O Valadouro; Ribeira de Piquín con Meira e Riotorto; O Corgo con Triacastela e Láncara; Carballedo con Chantada; e Pedrafita do Cebreiro unido a Becerreá e Cervantes.

 

Ademais, a Xunta concede 629.000 euros ás seguintes entidades para contratar a un total de 25 orientadores laborais na provincia de Lugo: Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami); Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia; Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes); Fundación Laboral da Construción; Confederación de Empresarios da Provincia de Lugo; Federación galega de asociacións en favor das persoas discapacidade intelectual (Fademga – Plena Inclusión Galicia); colectivo E-Deidades para a Integración Laboral e Social da Muller; Fundación Amigos de Galicia, Asociación de Centros Homologados; UXT; Apetamcor; Alar Galicia Proxectos Inserción; Inserta Innovación e asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia. 

 
Contías das axudas

A contía máxima da axuda é de 26.000 euros por cada técnico incorporado a tempo completo e de 29.000 euros cando o contrato se desenvolva nunha entidade sen ánimo de lucro que realice actividades de atención á discapacidade. Os importes incrementáronse en 1.000 euros en relación coa convocatoria anterior.

 

Os orientadores prestan asistencia para o autoemprego e artellan medidas encamiñadas a mellorar as posibilidades de ocupación das persoas demandantes de emprego inscritas no Servizo de Emprego de Galicia. Así, entre outras funcións, elaboran diagnoses individualizadas sobre o perfil e necesidades dos desempregados; proporcionan información sobre o mercado de traballo e os distintos incentivos; deseñan itinerarios individuais e personalizados de emprego; ou informan sobre a oferta de accións de formación profesional ou o proceso de recoñecemento das competencias adquiridas.