Rueda destaca que a Xunta mellora a eficiencia enerxética dos edificios administrativos cun investimento superior aos 135M€

Subliñou que o Goberno galego leva anos facendo “un esforzo importante” e poñendo en marcha diferentes actuacións neste eido

Resaltou que grazas a programas de aforro de gas e luz a factura nos edificios públicos logrou reducirse ata 60,5 millóns de euros desde 2013

O Consello do Goberno galego deu conta hoxe das actuacións desenvolvidas desde o ano 2014

Destináronse máis de 23M€ a actuacións en edificios administrativos e xudiciais, nos que se seguirán realizando obras ao longo do ano

No eido educativo o orzamento ascendeu a máis de 112M€ desde 2017

Ademais, no ámbito sanitario todas as novas obras ou reformas realizadas levan aparelladas melloras na eficiencia enerxética

O informe presentado hoxe recolle tamén a implantación das medidas de aforro e eficiencia enerxética establecidas polo Goberno central nos edificios administrativos e xudiciais
 

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que o Goberno galego investiu máis de 135 millóns de euros en actuacións de mellora enerxética nos edificios administrativos, xudiciais, educativos e sanitarios desde 2014. “A Xunta leva moitos anos facendo un esforzo importante e poñendo en marcha actuacións neste eido”, explicou Rueda, quen resaltou que, nun contexto, no que se lle está pedindo “un esforzo” á cidadanía para acadar aforros enerxéticos, “as Administracións temos que dar exemplo”.

Rueda asegurou que a estas actuacións de obras físicas de eficiencia hai que sumar programas de aforro de gas e electricidade a través da centralización de contratos que os diferentes puntos de consumo públicos da Xunta fixeron mediante Redexga. “Isto permitiu que desde 2013 se conseguisen aforros na factura enerxética de 60,5 millóns de euros”, destacou.

Segundo o informe presentado hoxe no Consello, a Xunta destinou desde 2014 máis de 23 millóns de euros á mellora enerxética dos edificios administrativos e xudiciais, o que supón unha redución anual de 2.652,96 toneladas de emisións de CO2 e uns aforros nos consumos de case 13 millóns de quilovatios ao ano.

Nesta liña, actuouse no complexo de San Caetano, coa instalación dunha caldeira de biomasa e a mellora da envolvente, así como na Escola Galega de Administración Pública (Egap) e no edificio da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, todos eles en Santiago de Compostela. Tamén houbo melloras nos edificios administrativos do Barco de Valdeorras e de Ourense; de Sanidade, Benito Corbal e Campolongo, en Pontevedra; na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), na Estrada, e no edificio administrativo da Xunta en Vigo.

Canto aos edificios xudiciais, melloraron a súa eficiencia o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e os xulgados de Ortigueira, Arzúa, Negreira, Ordes, Santiago e Ribeira, na provincia da Coruña; e a Audiencia Provincial de Lugo e os xulgados de Chantada, Becerreá, Mondoñedo e Sarria, na de Lugo. En Ourense as actuacións realizáronse no novo edificio xudicial da cidade e nos xulgados de Pobra de Trives, Xinzo de Limia e Verín, e en Pontevedra, na Audiencia Provincial, no novo edificio xudicial de Tui e nos xulgados de Tui, Marín, A Estrada e Cambados. 

A maiores, a Xunta continúa avanzando a prol da eficiencia enerxética dos edificios de servizo público autonómico e neste ano finalizaranse obras nesta liña no Edificio Administrativo da Delegación Territorial de Lugo, cun investimento de máis de dous millóns de euros. Ademais, neste exercicio arrincarán as actuacións nos edificios administrativos das delegacións territoriais de Ferrol e da Coruña, ás que se destinarán máis de tres millóns de euros. No eido xudicial, están en execución melloras nos edificios de Noia e Marín cun investimento de medio millón de euros.

Implantación de medidas de aforro

Por outra banda, o informe presentado hoxe no Consello da Xunta recolle a implantación nos edificios administrativos e xudiciais das medidas de aforro e eficiencia enerxética establecidas polo Goberno central. Trátase da limitación das temperaturas de calefacción e refrixeración, o establecemento dun sistema de peche das portas de acceso que impida que estean abertas de xeito permanente, o apagado do alumeado exterior a partir das 22,00 horas, e a colocación de carteis ou pantallas con información sobre as medidas de aforro, que acabarán de instalarse esta semana.

Ademais, neste mes arrincarán as revisións extraordinarias dos inmobles que pasasen a inspección de eficiencia enerxética antes de 2021, situación na que se atopan 90 edificios administrativos e xudiciais. O prazo para o cumprimento desta medida remata o 1 decembro. 

Eidos educativo e sanitario

Outro dos eidos nos que o Goberno galego está a realizar un importante esforzo orzamentario para garantir a eficiencia nas infraestruturas é o educativo. Só desde 2017 investíronse máis de 112M€ en obras de mellora enerxética, cun aforro medio do 45% tanto en kwh/m2 como en emisións de CO2. Cómpre sinalar que só neste ano, a Xunta dispón dun orzamento de 31M€ para estas actuacións.

Canto ao ámbito sanitario, todas as novas obras ou reformas realizadas en centros de saúde ou hospitais licitadas polo Servizo Galego de Saúde nos últimos anos levan aparelladas melloras na eficiencia enerxética. Así, máis de 700M€ adxudicados, en licitación na actualidade ou prevista nos vindeiros meses inclúen actuacións nesa liña, como é o caso dos novos CHUAC e Montecelo, o Hospital de Ourense ou centros de saúde como o da Estrada, o CIS Lugo, Moaña ou Ames.

Imaxes relacionadas