Rueda anuncia que a Xunta renovará por 6,5 M€ o parque de gammacámaras dos servizos de medicina nuclear do Sergas

Salientou que se trata de equipamentos para a diagnose de enfermidades cardíacas, neurolóxicas ou renais e que tamén se usan nos tratamentos oncolóxicos

Explicou que o Consello autoriza a compra de nove destes novos equipamentos de alta tecnoloxía

Entre 2022 e 2023 os hospitais de Lugo, Ourense, Santiago e o Meixoeiro de Vigo renovarán os seus equipamentos entrementres que o Gran Montecelo de Pontevedra estreará a súa primeira gammacámara

Este expediente completa o proceso de renovación e ampliación de equipamentos de alta tecnoloxía sanitaria nos que a Xunta investiu case 68 millóns este ano
 

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022.-

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello autorizou na reunión realizada hoxe o contrato de renovación do parque de gammacámaras (equipamentos SPECT-TC) nos diferentes servizos de medicina nuclear do Servizo Galego de Saúde. “A Xunta segue avanzando na implantación e mellora dos equipos de alta tecnoloxía sanitaria nos hospitais públicos, como estes equipamentos que permiten diagnosticar enfermidades cardíacas, neurolóxicas e renais e que se utilizan tamén no tratamento do cancro”, sinalou.

Rueda explicou que o obxectivo de implantar e renovar estes equipamentos é “incrementar a supervivencia global e a calidade de vida dos pacientes”, xa que se trata de tecnoloxía que facilita a detección precoz de enfermidades e contribúe a que os pacientes reciban antes o tratamento necesario.

O titular da Xunta resaltou que se investirán 6.554.655 euros para adquirir 9 novos equipamentos de alta tecnoloxía que se instalarán entre 2022 e 2023 para substituír os equipamentos actuais nos hospitais Lucus Augusti de Lugo (1), no Universitario de Ourense (2), no Clínico Universitario de Santiago (2) e no Hospital Meixoeiro de Vigo (3). Ademais, no hospital Montecelo de Pontevedra, a compra do equipamento SPECT-TC suporá unha novidade xa que ata o de agora esta área sanitaria non contaba con servizo de medicina nuclear, que se estreará, xunto co de radioterapia, coa posta en marcha do Gran Montecelo.

Así, en particular, en 2022 está prevista a instalación dunha nova gammacámara no Hospital Meixoeiro de Vigo, e doutro destes equipamentos no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Pola súa banda, no ano 2023 renovaranse dous equipamentos SPECT- TC do Hospital Universitario de Ourense, un no hospital Lucus Augusti de Lugo, un segundo no Hospital Clínico de Santiago e dous máis no Hospital Meixoeiro de Vigo. Finalmente, no ano 2023 instalarase a primeira gammacámara do hospital Montecelo de Pontevedra, coincidindo coa posta en funcionamento do Gran Montecelo, a ampliación do hospital pontevedrés que creará o seu servizo de medicina nuclear.

Deste xeito, cinco das sete áreas sanitarias galegas contarán con novos equipamentos de alta tecnoloxía que permiten a diagnose de enfermidades cardíacas, neurolóxicas, endocrinolóxicas, renais ou do aparello locomotor, así como a detección e tratamento de enfermidades oncolóxicas. Quedan unicamente fóra do contrato a área de Ferrol, que non dispón de servizo de medicina nuclear, e a de Coruña, que realiza as diagnoses a través da Fundación Centro Oncolóxico de Galicia.

Obtención de imaxes tridimensionais dos órganos

A medicina nuclear utiliza pequenas cantidades de materiais radioactivos chamados radiosondas, que xeralmente se inxectan no torrente sanguíneo, se inhalan ou se tragan. A radiosonda viaxa a través da área examinada e entrega enerxía na forma de raios gamma, que son detectados por unha cámara especial e unha computadora para crear imaxes do interior do seu corpo.

Estas gammacámaras ou equipamentos SPECT permiten a realización destas exploracións metabólicas/funcionais segundo o órgano ou sistema que se vai estudar. Os SPECT detectan as emisións de enerxía da radiosonda no corpo e convértenas nunha imaxe. Os cabezais de que se compoñen as gammacámaras posúen capacidade de movemento ao redor do paciente; pódese así obter imaxes tridimensionais do órgano que se vai estudar.

Utilízanse principalmente para diagnosticar e rastrexar o avance das enfermidades do corazón, como arterias coronarias bloqueadas. Existen tamén trazadores radioactivos para detectar trastornos óseos, enfermidades da vesícula e sangrado intestinal.

Completado o investimento de fondos europeos en alta tecnoloxía

Este contrato completa os previstos en 2022 pola Xunta para canalizar os fondos NextGeneration da Unión Europea cara á renovación e ampliación da alta tecnoloxía sanitaria. Polo momento, o Sergas xa adxudicou os contratos de catro aceleradores lineais por 8,9 millóns de euros, de nove resonancias magnéticas por 10,5 millóns de euros, de 34 TAC por 21,1 millóns e de tres equipamentos PET-TC por 5,4 millóns.

Ademais deles, o Consello da Xunta xa autorizou este ano outras licitacións derivadas deste uso dos fondos Next Generation, aínda pendentes de resolver, como a adquisición de sete equipamentos de cardioloxía intervencionista por 5,9 millóns de euros e de catro equipamentos de radioloxía vascular intervencionista e catro equipamentos de neurovascular intervencionista por 8,4 millóns de euros. Por outra banda, aínda que non requiriu autorización do Consello polo importe, tramitouse tamén a adquisición de dous equipamentos de braquiterapia por arredor de 1 millón de euros.

En total, trátase dun investimento de case 68 millóns de euros, que supera os 61 previstos, dado que a Xunta tomou a decisión de complementar os fondos Next Generation con outros fondos do seu propio orzamento para adquirir equipamentos de gammas superiores aos financiados, algo que xa sucedeu nos contratos de TAC (para incorporar TAC de tecnoloxía espectral) ou nas resonancias magnéticas.

Esta renovación e ampliación da alta tecnoloxía sanitaria busca incrementar a supervivencia global e a calidade de vida das persoas mediante a diagnose de enfermidades en estadios temperáns, posibilitando a intervención terapéutica rápida, con especial atención ás patoloxías de maior impacto sanitario, como son as enfermidades crónicas, as enfermidades oncolóxicas, as enfermidades raras e as enfermidades neurolóxicas.

Imaxes relacionadas