Rueda anuncia que a Xunta autoriza a contratación das obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago cun investimento de 72,82 M€

O presidente enmarca esta reforma nas actuacións que a Xunta está a levar a cabo nas infraestruturas sanitarias para adaptalas á “medicina do mañá”

Explicou que a previsión é licitar as obras no mes de setembro para comezalas no primeiro trimestre de 2023

A actuación permitirá incrementar en case un 30 % a superficie do Hospital Clínico, coa ampliación de dous bloques de edificios en 36.416 m²

Prevese a creación dunha nova zona de urxencias pediátricas e a ampliación e reforma das de adultos, ademais da dotación dun novo bloque cirúrxico con 7 novos quirófanos

Crearase un gran hospital de día no cal convivirán as diferentes especialidades médicas que permitirá incrementar a ambulatorización de numerosos tratamentos

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022.-

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou na rolda de prensa tras o Consello que o Goberno galego autorizou hoxe a contratación das obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), cun orzamento de 72,82 M€. O titular do Goberno autonómico enmarcou esta reforma nas actuacións que a Xunta está a levar a cabo nas infraestruturas sanitarias de toda a comunidade para adaptalas “á medicina do mañá ou a que xa se está a practicar” e que evoluciona con rapidez. Un novo modelo de atención sanitaria no que, sinalou, teñen cada vez máis peso os procesos ambulatorios e o uso de alta tecnoloxía sanitaria.

Rueda explicou que a previsión é licitar no mes de setembro as obras, declaradas como proxecto público de urxencia ou de excepcional interese, de acordo co procedemento regulado na Lei 3/2016. “O obxectivo do Goberno galego é comezar os traballos no primeiro trimestre de 2023” –sinalou sobre estas obras cun prazo de execución de 42 meses.

 

Con esta actuación ampliarase a superficie actual do Hospital Clínico en case un 30 %, incrementando e mellorando as prestacións e servizos aos pacientes da área sanitaria que cobre este hospital.

 

Con esta obra habilitarase unha nova superficie de 36.416 m², dos cales 31.126 m² corresponderán ao edificio A e 5.292 m² ao edificio C, actuando así en dous bloques de edificios do Hospital Clínico.

 

O edificio A ampliarase cara ao oeste, de forma mimética ao actual edificio hospitalario, para una máxima integración arquitectónica e funcional. A ampliación disporá dun núcleo de comunicación vertical con 8 ascensores.

 

En canto á súa distribución, na planta -4 situarase a zona de tratamento de lixos e reservarase unha zona para instalacións, e na -3 reformaranse os laboratorios de inmunoloxía e microbioloxía, así como o mortuorio.

Ademais, na planta -2 crearase unha nova zona de urxencias pediátricas e reformaranse e ampliaranse as de adultos, mentres que no andar número -1 se situará o novo bloque cirúrxico, que estará dotado de 7 novos quirófanos e unha área de espertar. Este número de quirófanos de alta complexidade supón un crecemento dun 50 % respecto á dotación existente no Hospital Clínico e permitirá un importante incremento da actividade cirúrxica co seu conseguinte impacto na redución do tempo medio de espera.

 

No andar 0 situarase unha ampla área de endoscopias, que se distribuirá en endoscopias dixestiva, urolóxica, xinecolóxica e pneumolóxica. Destaca o crecemento da área de endoscopia dixestiva, que pasa dun número actual de 4 salas a 10, xunto cunha área específica de adaptación ao medio, destinada aos doentes unha vez finalizadas as probas.

 

Nas plantas 1 a 3 estarán as áreas de hospitalización, dúas por planta. A hospitalización hematolóxica está nunha das zonas do nivel +2 e son de hospitalización médico-cirúrxica os outros cinco ámbitos. A unidade de hematoloxía amplía nun 60 % os cuartos individuais necesarios para os novos tratamentos que esta especialidade incorporará nun futuro, como son os CAR-T. O incremento destas cinco unidades de hospitalización permitirá que todos os cuartos dos hospitais de Santiago sexan dobres ou individuais.

 

Na cuberta, que se corresponde co cuarto andar, situarase o heliporto, trasladado desde a súa localización actual, afectada pola propia obra de ampliación do Hospital Clínico.

 

No referido ao edificio C, ampliarase cara ao leste desde o nivel -2 ao nivel +2, por tanto, realízase en 5 andares coincidentes cos existentes. Todas as plantas contan cun núcleo de comunicación situado en paralelo ás zonas de espera da fachada sur e con comunicación cos eixes de circulación xeral do edificio externo e interno.

 

No andar -2 situaranse as áreas de cirurxía plástica e maxilofacial. Tamén se acolle a Área de Documentación Clínica e Codificación.

 

No -1, na fachada sur sitúase a Unidade de Mama, coas consultas e salas de diagnóstico; na zona norte está a Escola infantil.

 

No nivel 0 disponse un gran Hospital de Día para as diferentes especialidades da área médica, con sala de tratamentos, cubículos, consultas e espazos de apoio, cunha capacidade de 50 postos entre cadeiras de brazos e camas, o que permitirá ampliar a ambulatorización de numerosos tratamentos.

 

No 1 situarase Pneumoloxía e Alergoloxía, mentres que na 2 planta estarán as salas polivalentes, e a Unidade da Dor, con sala de técnicas especiais e consulta de anestesia.

 

En canto á urbanización, manteranse os viarios existentes, ben que é necesaria a súa rectificación co fin de dispoñer do espazo necesario para a execución da obra.

Imaxes relacionadas