A Cidade da Cultura transforma as Hejduk nun estudio artístico no que a creadora Lúa Gándara recibirá e agasallará ao público cunha obra orixinal

‘A porta aberta’ é unha intervención artística e vivencial sobre este espazo do Gaiás, onde a artista galega traballará durante un mes, amosando o seu proceso de creación e conversando coas persoas visitantes nun lugar aberto á participación
 

Foi o proxecto gañador do concurso dirixido aos participantes no Encontro de Artistas Novos co apoio da Fundación Banco Sabadell
 

O director xeral de Cultura destaca que este certame artístico procura “apoiar a arte emerxente, ofrecendo aos novos talentos un espazo creativo non convencional”

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022

A Xunta de Galicia vén de transformar as Torres Hejduk da Cidade da Cultura nun espazo de creación e estudio artístico a través da intervención A porta aberta, un proxecto vivencial, plástico e performático da artista galega Lúa Gándara (O Porriño, 1988). Durante un mes, este lugar emblemático do Gaiás converterase no seu lugar de traballo e alí recibirá as persoas visitantes, amosándolles o seu proceso de creación, agasallándoas cun debuxo orixinal e ofrecendo a oportunidade de conversar sobre arte e pintura abstracta nun espazo aberto ao diálogo.

 

A porta aberta foi a proposta gañadora do IX Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado en 2021 entre os e as participantes do XI Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN11). O certame conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell e está encadrado na programación do Xacobeo 21-22, tendo como eixo o Camiño de Santiago e o propio fenómeno xacobeo.

 

No acto de inauguración desta intervención, o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, destacou precisamente que “a apertura, o diálogo, o encontro e a creación compartida están na cerna deste proxecto, converténdose en nexos conceptuais de unión co espírito que habita no Camiño de Santiago e no xeito en que a Ruta Xacobea e as terras galegas acollen aos visitantes”.

 

O acto, que foi tamén clausura da duodécima edición do EAN, contou ademais coa participación da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; do director do Encontro de Artistas Novos, Rafael Doctor, e dos 40 artistas emerxentes participantes neste EAN12.

 

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura lembrou tamén que “o Encontro de Artistas Novos– destinado a apoiar valores emerxentes de diferentes disciplinas artísticas– é, ademais dun necesario espazo para o intercambio, o diálogo e a aprendizaxe, un xeito de dar visibilidade á arte contemporánea, ofrecendo para a súa intervención creativa un espazo expositivo non convencional de gran recoñecemento e moi icónico do complexo da Cidade da Cultura, como son as Torres Hejduk”.

 

Apoio á arte emerxente

O director xeral de Cultura indicou tamén que esta intervención “ao igual que todo o traballo de Lúa Gándara, flúe entre o pictórico e o performativo, desborda as fronteiras da técnica para situarse nun espazo onde se abrazan as disciplinas, sendo clave nas súas obras os conceptos de intercambio e diálogo”.

 

Así Lúa Gándara convídanos con A porta aberta ao seu particular laboratorio e universo creativo, nunha analoxía do xeito en que Galicia recibe ás persoas camiñantes e co mesmo espírito de apertura e convivencia. Este estudio artístico efémero continuará a poder visitarse semanas despois da estancia física da creadora nas Torres, exhibíndose ata o vindeiro 8 de xaneiro o corpus visual da obra producida nesta instalación.

 

Biografía de Lúa Gándara

Lúa Gándara (O Porriño, 1988) é unha artista multidisciplinar graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cun posgrao de Creación Sonora na Universidade de Barcelona e un mestrado de Profesorado en Educación Secundaria na especialidade de Artes e Debuxo. A súa obra plástica foi seleccionada en diversos certames como a 15ª mostra MAC, Museo de Arte Contemporáneo Fundación Naturgy, o Prémio Artistas do Alto Minho e Galiza 2016 da Fundaçao Bienal de Cerveira, o VIII Premio para Novos Artistas Auditorio de Galicia ou a X Bienal Internacional Pintor Laxeiro, entre outros. Obtivo o Primero Premio Novos talentos luso-galaicos na IX Bienal de Pintura Premio Eixo Atlántico e o Premio Xurado Novo na sección Contemporánea do festival INTERSECCIÓN Contemporary Audiovisual Art Festival (2021). En 2022 estreou a performance Tú nunca podrás cantar con La Juan Gallery nos Teatros del Canal de Madrid.

Imaxes relacionadas