O ciclo ‘Cultura no Camiño’ da Xunta entra na recta final da súa 10ª edición con 53 actuacións artísticas ata o 10 de setembro

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade impulsa este programa de exhibición, que se desenvolve desde mediados de xullo en 88 concellos para ofrecer 298 funcións escénicas e concertos a cargo de máis 130 formacións galegas
 

Nomes da música como Treixadura ou Xoán Curiel forman parte da intensa oferta destas últimas xornadas, que tamén inclúe profesionais da maxia como o Mago Antón e Cayetano Lledó, formacións circenses como Circo Chosco ou compañías teatrais como A Xanela do Maxín

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022

O ciclo Cultura no Camiño da Xunta de Galicia entra na súa recta final coas últimas 53 actuacións de música e artes escénicas que ofrecerá ata o 10 de setembro como peche da súa décima edición. A programación  arrancou o pasado 15 de xullo para lle achegar 298 citas culturais ao público de 88 dos municipios polos que transitas as rutas xacobeas en Galicia.

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, en colaboración cos municipios participantes, encárgase da promoción e xestión deste circuíto, a través do que contribuíu á contratación neste verán de máis de 130 formacións artísticas galegas, entre compañías de teatro, danza e novo circo, grupos de música e profesionais da maxia.

 

A música, protagonista

A música será a gran protagonista desta recta final de Cultura no Camiño con 25 concertos programados en 21 concellos. O público infantil será o destinatario de boa parte destes recitais, con grupos como A Banda do Verán hoxe en Sarria e o sábado 10 en Rois; Uxía Lambona e a Banda Molona en Ribadeo e O Porriño o luns 5 e o venres 9, respectivamente, ou A Gramola Gominola no Barco de Valdeorras o día 10.

 

A esta relación de citas musicais, cómprelle sumar os concertos para o público xeral de formacións tan destacadas como Caamaño&Ameixeiras (Barro, mañá venres día 2), Carapaus (Guitiriz, sábado 3), Xoán Curiel (Negreira, domingo 4) ou Treixadura (Vilalba, tamén o día 4).

 

No apartado teatral, nesta recta final de Cultura no Camiño terán lugar 11 funcións dirixidas ao público miúdo da man de compañías como A Xanela do Maxín, que representará en Pontedeume Toupicencia Show o día 2; Culturactiva, que levará o seu Desconcerto a Vilaboa o domingo 4, ou Caxoto Contacontos, quen lle brindará ao público de Rois a súa peza Un libro baixo a almofada xa o 9 de setembro.

 

Maxia e danza

Profesionais da maxia como o Mago Antón, que viaxará a Vilalba, Abegondo e O Pino os días 3, 4 e 9, respectivamente, ou Cayetano Lledó, que visitará Soutomaior este sábado e dobrará funcións o día 10 ao actuar en Mos e no Rosal, actuarán tamén nestas últimas semanas do ciclo.

 

Haberá lugar, así mesmo, para a danza co espectáculo Opera Breaks, de Vella Escola, que se poderá ver en Fisterra o sábado 10, e para o novo circo con formacións como Troula Animación en Negreira (día 4), Fran Boza en Vilanova de Arousa (tamén o 4) e Especialistas Hípica Celta en Silleda (o día 19).

Imaxes relacionadas