A Xunta apoia o Festival Internacional de Cinema de Bueu nunha 15ª edición con nova imaxe e estrutura

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na rolda de presentación do certame, que se desenvolverá entre os vindeiros días 11 e o 24

A de Bueu é unha das 11 citas subvencionadas este ano pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da súa convocatoria de axudas a festivais considerados estratéxicos para o sector audiovisual
 

Bueu (Pontevedra), 1 de setembro de 2022.-

O FICBUEU, Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, presentou hoxe a programación completa que desenvolverá do 11 ao 24 de setembro e para a que volve contar co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de subvencións a mostras e certames audiovisuais considerados estratéxicos para o sector. O evento, que estrea nova imaxe e estrutura, é unha das 11 citas adxudicatarias desta convocatoria anual de axudas, que en 2022 se dotou con 210.000 euros.

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta rolda de prensa xunto ao director do certame, Manuel Pena, e aos representantes do resto das institucións colaboradoras. Na súa intervención, sinalou que o FICBUEU é xa un clásico nesta listaxe de festivais subvencionados, na que “figura por méritos propios e en resposta ao gran traballo que vén realizando a súa organización ao longo de todo o ano”, destacou.

O representante da Consellería de Cultura, fixo fincapé, así mesmo, no compromiso da Xunta co audiovisual galego para acompañalo no seu camiño “de regreso á normalidade”, poñendo á súa disposición “unha inxección económica sen precedentes coa que se busca impulsar no só a reactivación do sector, senón tamén a súa consolidación e crecemento a medio e longo prazo”.

 

Sete liñas xa convocadas en 2022

Neste sentido, a industria do cinema e a televisión é a destinataria no que vai de ano de sete convocatorias de axudas dotadas con máis de 7,2 millóns de euros. “Deles, xa están adxudicados máis de 4,7 millóns de euros a 85 proxectos, tanto a través do programa anual de subvencións como dos fondos europeos do Hub Audiovisual e do programa Next Generation EU”, continuou Sutil, quen explicou ademais que mediante estas subvencións, entre outras medidas, dáselles apoio ás empresas e profesionais galegos ao longo de todas as etapas do proceso audiovisual: “Desde a promoción do talento na fase de creación ata a preprodución, rodaxe e posprodución dos filmes e series, pasando pola súa difusión, comercialización e exhibición”, indicou.

As axudas a festivais insírense tamén nesta liña de acción da Xunta, en resposta ao seu papel na difusión das obras audiovisuais e na creación de públicos, ademais de como altofalante para os profesionais do sector.

 

Así, a programación da 15ª edición do Festival de Cinema de Bueu ofrecerá máis de 100 curtametraxes e varios coloquioscos realizadores das curtas que participan no certame, marcado por unha nova estrutura en varios apartados diferenciados. A primeira semana resérvase, entre outras actividades, ás principais seccións de proxección (Sección Oficial, Retrospectiva, Descubertas, España e Galicia R), mentres que na segunda terá lugar o MiniFIC, o apartado dedicado aos centros de ensino e á rapazada.

 

Ademais, entre outras citas destacadas, haberá música en directo da man de Tulsa, as emisións do programa Carne Cruda do podcast Espazo Negativo, unha clase maxistral sobre Andréi Tarkovski, un encontro co cineasta Oliver laxe, a VII Ruta das Tapas 5 Estrelas, o V Mercado de Curtametraxes ou a presentación do Caderno FICBUEU#3.

 

Imaxes relacionadas