Fernández-Tapias visita o comezo das obras da nova senda peonil e ciclista do Berbés: “será unha transformación histórica para a cidade”

A delegada territorial da Xunta en Vigo valora a colaboración entre institucións para o fomento da mobilidade sostible na fachada marítima de Vigo
 

A obra estará acabada a vindeira primavera e permitirá pasear ou circular por un carril bici que unirá A Laxe con Beiramar
 

“Cumprimos un compromiso e damos un paso para acercar aos vigueses ás súas raíces”, sinalou Fernández-Tapias durante a visita xunto ao presidente do Porto

Vigo, 1 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou este xoves xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, o inicio das obras da nova senda peonil e ciclista do Berbés. A actuación comezou o pasado mes de agosto pola zona da nave de Portocultura e estará finalizada a vindeira primavera.

 

A actuación conta cun investimento de 1,3 millóns de euros (saíu a concurso público por 1,5 millóns) e permitirá crear unha senda integrada nos espazos que forman parte da contorna de Portocultura. “A Xunta e o Porto demostran de novo que a colaboración é sempre a mellor opción e a iniciativa permitirá abrir o paso por unha zona ata o de agora pechada a peóns”, sinalou a representante autonómica

 

A lonxitude da nova senda será de 560 metros, cun carril bici que partirá desde a zona da Laxe e que enlazará co paseo xa practicamente rematado na avenida de Beiramar. O peche portuario será totalmente renovado cunha valla de menor impacto visual e con zonas verdes nas que se incorporarán árbores, bancos e superficies axardinadas. “Cumprimos un compromiso e damos un paso para acercar aos vigueses ás súas raíces”, destacou Fernández Tapias durante a visita.

 

Pola súa banda, Vázquez Almuiña incidiu no obxectivo de “ofrecer á cidadanía un novo espazo de mobilidade sostible”, para o que contará coa colaboración do Goberno galego. “Estas obras levaranse a cabo de xeito compatible coa operativa portuaria da zona e xa fixemos probas para garantir a actividade dos usuarios”, engadiu.

 

Plataforma compartida

Tal e como explicaron, a nova senda dará continuidade ao itinerario pola zona portuaria salvando a discontinuidade existente no treito urbano provocada pola cota deprimida da praza do Berbés e polos accesos ao túnel de Beiramar. Así, desenvolverase pola beira do mar da avenida e integrarase nos espazos que forman parte da contorna de Portocultura. Na zona de peche do porto efectuarase un retranqueo para que haxa espazo suficiente para unha plataforma compartida entre peóns e ciclistas, respectando a separación entre o peche e as edificacións interiores.

A actuación completarase coa reposición das redes de servizos afectados polo retranqueo realizado, coa instalación de mobiliario urbano, de sinalización, de elementos de xardinería e a súa rede de rego.

 

Avenida de Beiramar

Xunta e Porto tamén teñen previsto iniciar nos vindeiros meses a humanización da avenida Beiramar entre a rúa Coruña e Bouzas. Neste caso, intervirase ao longo de 1,6 km, ampliando as beirarrúas de modo que permitan o tránsito peonil e ciclista. Dotarase tamén o tramo de novo mobiliario urbano, de iluminación eficiente, zonas verdes e reordenaranse as áreas de aparcadoiro.

 

Tanto a senda peonil como a futura humanización da avenida de Beiramar, que se materializará a comezos de 2023, foron aprobados no Consello da Xunta celebrado en abril en Vigo.

Imaxes relacionadas