A Xunta impulsa a divulgación dos oficios artesanais galegos na 40 edición do Festiletras

Artesanía de Galicia colabora co encontro que se celebra na aldea do Couto de Ponteceso coa organización o sábado e o domingo dun obradoiro de iniciación ao tecido artesanal aberto a todos os públicos

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022

A Xunta impulsa a divulgación dos oficios artesanais galegos na 40 edición da Mostra de Artesanía do Festiletras 2022, que se celebra na aldea do Couto (Ponteceso). A través da Fundación Artesanía de Galicia, a Xunta promove o sábado e o domingo un obradoiro gratuíto aberto ao público familiar para se iniciar no tecido artesanal de baixo lizo.

 

Durante o obradoiro Aprendendo a tecer, os artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo), amosaranlle aos asistentes as técnicas básicas para o manexo do tear e outros procedementos artesanais téxtiles fundamentais como o fiado. Para esta actividade non se require inscrición previa.

 

Con este tipo de iniciativas a Xunta busca contribuír á posta en valor e á divulgación dos oficios tradicionais galegos, así como a transmitir os valores do feito á man, especialmente entre os máis novos.