O surf galego continúa a crecer a pasos axigantados coa medalla de ouro de Guillermo Carracedo na categoría SUP Surf do Euro SUP 2022 de Dinamarca

Esperanza Barreras quedou a un paso da gran final na modalidade de Sprint na categoría sénior feminina

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2022

O santiagués Guillermo Carracedo proclamouse campión de Europa no Euro SUP 2022 de Dinamarca na modalidade de SUP Surf, na categoría sénior masculina. O deportista galego competía contra moitos dos grandes nomes internacionais da modalidade nunhas circunstancias nas que as ondas non eran da maior calidade, sen embargo, conseguiu sacar o maior proveito en cada unha das mangas.

A outra representante galega no combinado nacional, a viguesa Esperanza Barreras, non puido obter o pase á gran final tras quedar eliminada na semifinal da modalidade de Sprint na categoría sénior feminina. Cómpre salientar que Esperanza Barreras xa fixo historia no Campionato do Mundo de SUP celebrado en El Salvador no ano 2019 tras facerse con 2 ouros en dúas modalidades distintas, a primeira española en facelo.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou o nivel crecente do surf en Galicia grazas ao pulo que se está a levar a cabo dende a administración. Neste sentido lembrou a importancia de centros coma o Núcleo de Adestramento Deportivo (NADE) que a Xunta puxo en marcha este ano en Nigrán, e que dá a posibilidade ás novas promesas do surf da nosa comunidade para formarse nun centro de excelencia en materia de tecnificación deportiva. “Estou convencido de que detrás dos nomes de Guillermo Carracedo e de Esperanza Barreras veñen outros que acadarán moitos triunfos no futuro”, destacou.

Imaxes relacionadas