Fernández-Tapias valora a “orixinalidade” do Barbeira Season na apertura do festival en Baiona cun “concerto sorpresa nun hotel artístico”

A delegada territorial da Xunta en Vigo acudiu este mércores a apertura da nova edición do Barbeira Season Fest que se celebrará ata o 4 de setembro
 

Pablo Novoa, Amaro Ferreiro, Wöyza e Uxía foron os encargados de abrir o evento cunha actuación desde o balcón do Hotel Bayona
 

Os grupos DePedro, Zahara, León Benavente e Triángulo de Amor Bizarro son os cabezas de cartel do festival
 

Máis de 20 bandas actuarán nos escenarios dunha cita que tamén ofrece actividades paralelas como gastronomía, charlas ou bautismos de mar con paddle surf

Vigo, 31 de agosto de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acudiu este mércores en Baiona a apertura dunha nova edición do Barbeira Season Fest que se celebra entre este 31 de agosto e o vindeiro 4 de setembro na vila do Val Miñor. A representante autonómica asistiu ao concerto sorpresa que protagonizou o director do festival, o músico vigués Pablo Novoa, xunto a Amaro Ferreiro, Wöyza e Uxía no balcón do Hotel Bayona.

 

“Esta nova entrega do festival non só conta cunha oferta ampla, para todos os públicos e de calidade, senón que ademais aporta orixinalidade con actuacións sorpresa nun establecemento remodelado de forma creativa”, sinalou a representante autonómica. Fernández-Tapias tamén estivo presente na “comida sorpresa” que se celebrou a mediodía no restaurante máis pequeno do mundo, outra das activades que aporta o festival este ano.

 

Máis de 20 grupos

Esta nova edición do Barbeira Season Fest crece este ano tanto en días como en oferta musical, con máis de 20 grupos e artistas programados durante as cinco xornadas de concertos. León Benavente, Zahara, De Pedro e Triángulo de Amor Bizarro serán os cabezas de cartel dun festival que abriu coa mencionada actuación sorpresa non desvelada pola organización ata hoxe mesmo.

 

Escenario Xacobeo

O parque da Palma acollerá o Escenario Vibra Mahou como recinto principal para a música, mentres que a Praza do Concello albergará o Escenario Xacobeo. Ademais, tamén aumenta a proposta de actividades culturais e gastronómicas que se estenderán polo municipio atravesado polo Camiño Portugués da Costa.

 

Actividades paralelas

A gastronomía estará presente a través do “Rías Baixas. O restaurante máis pequeno do mundo”. Haberá tamén conferencias denominadas “Charlas en chanclas” na biblioteca ou actividades deportivas a través de bautismos de mar en paddle surf. Outras das orixinais propostas é o Hotel Season Zentolo no que 33 habitacións xa foron intervidas por artistas durante os últimos meses e servirán agora para microconcertos.

Imaxes relacionadas