O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visita o instituto máis antigo desta provincia

A Xunta duplica este verán o investimento en obras en colexios e institutos ata os 64 M€ para 357 proxectos

Román Rodríguez destaca o “gran avance” de Galicia para dispor de centros “máis cómodos para alumnos e profesores, más respectuosos co medio ambiente e máis eficientes no consumo de enerxía, algo clave nestes momentos”

Subliña o cumprimento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co que Galicia é pioneira nun modelo de escolas poscovid, malia a suba dos prezos pola inflación

Rehabilitacións integrais, cambios de cubertas, substitucións de fiestras, renovación de luminarias ou instalacións de caldeiras, entre as principais intervencións

O 35% das actuacións lévanse a cabo en centros do rural, nos que estuda o 20% do alumnado, mentres que o 34% realízase en vilas e o 31% restante nas cidades

Estas obras súmanse a un investimento do Goberno autonómico de 4M€ en 138 polos creativos nos colexios e institutos e de 2M€ en 33 pistas multideporte

A Consellería impulsa en paralelo a renovación do mobiliario dos centros educativos para adaptalo a novas metodoloxías cun total 42.686 unidades e case 5M€

 

Pontevedra, 31 de agosto de 2022.- A Xunta de Galicia está a realizar este verán un total de 357 actuacións en materia de obras en centros educativos por un importe total de case 64M€. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao instituto Valle-Inclán de Pontevedra, o máis antigo da provincia de Pontevedra, onde anunciou un investimento de 4,7M€ para a súa rehabilitación integral.

O responsable autonómico de Educación, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, subliñou que o orzamento destinado polo seu departamento a obras en centros educativos duplica os case 30M€ comprometidos no verán de 2021. Como dixo, isto supón un importante fito dado o actual contexto de incremento de prezos de materiais, que están a afectar en xeral a toda a obra pública e privada.
 

Mellora da aprendizaxe e sustentabilidade

“O gran avance de Galicia nun modelo de escolas poscovid empeza a ser visible”, destacou o conselleiro. Ao respecto, lembrou que en 2021 a Xunta aprobou o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, con 191M€, para deseñar un modelo pioneiro de centros onde todo está orientado á mellora da aprendizaxe e a sustentabilidade. “Hoxe temos centros máis cómodos para alumnado e profesorado, máis respectuosos co medio ambiente e máis eficientes no consumo de enerxía, algo esencial neste momentos”, declarou.

Neste senso, Román Rodríguez resaltou o especial compromiso da Xunta co ensino rural, o que se reflicte en que o 35% das actuacións se están levando a cabo neste tipo de centros. “En total investimos 16,5M€ no rural, polo que 1 de cada 4 euros se destina a colexios nos que estuda un 20% do alumnado para seguir garantindo a igualdade de oportunidades que caracteriza ao noso sistema educativo”, explicou.
 

As vilas e zonas de nivel intermedio de poboación, pola súa banda, constitúen o 34% das obras (120) e o 30% do investimento (19,1M€); mentres que nas cidades se realizan 111 actuacións (31%), cun investimento de case 28,4M€ (o 45%).

 

De Educación Infantil a FP

Por tipo de centro, máis da metade das obras (case o 52%) céntranse nos centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP), o 28,2% nos Institutos de Educación Secundaria (IES), e o 9% en Centros Públicos Integrados (CPI). Tamén se actúa en centros integrados de FP (CIFP), Escolas de Educación Infantil (EEI), Centros Rurais Agrupados (CRA), Centros de Educación Primaria (CEP) e Conservatorios Superiores de Música. Ademais, realízanse 15 intervencións en Centros de Educación Especial.

 

Román Rodríguez precisou que as principais actuacións inclúen a construción de centrais de biomasa e rehabilitacións integrais como a anunciada no instituto Valle-Inclán de Pontevedra. Esta tipoloxía de reformas leva aparellada renovación de fiestras, cambios de cubertas, impermeabilización de fachadas ou substitución de luminarias, entre outras. “Intervencións orientadas a dar máis confort, reducir as emisións e propiciar aforros aos centros escolares nas súas facturas de consumo enerxético”, detallou. Nesta mesma liña, vanse instalar paneis fotovoltaicos en centros de Educación Especial.

 

No caso das grandes actuacións, un total de 130, os seus prazos de execución exceden o período vacacional e son compatibles coa actividade lectiva. A maiores, no verán intensifícase este labor con outras 227 obras de menor importe (pequenas reformas e melloras en aulas, patios, baños etc), rematadas a tempo para o inicio do curso.

 

Innovación educativa e vida sa

Estas obras súmanse aos case 2M€ investidos pola a Consellería de Educación en 33 pistas multideporte, cofinanciadas ata un 85% cos concellos, para promover unha vida sa coa práctica de, cando menos, cinco deportes distintos; e aos 4M€ que destina a polos creativos, lugares de innovación educativa no que se traballan as competencias STEM, a co-creación, a solución de problemas e o pensamento de deseño e habilidades.

 

Ademais, o Goberno galego ten en marcha a renovación do mobiliario dos centros educativos en base aos estándares recollidos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, un total 42.686 unidades de mobiliario por un importe de case 5M€.

Imaxes relacionadas