A Xunta activa unha nova convocatoria dotada con 6 M€ para impulsar o emprendemento innovador

A Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, publica hoxe as axudas para as iniciativas empresariais excelentes que non obtiveron financiamento no programa estatal Neotec por falta de crédito

Como novidade, este ano apoiarase tamén a pequenas empresas tecnolóxicas que trasladen a súa sede a Galicia co obxectivo de impulsar a atracción de talento cara a Comunidade, que conta cun completo ecosistema de incentivos ao emprendemento innovador

As propostas seleccionadas poderán obter ata o 85% do orzamento da actuación, cun importe máximo de 320.000 euros por beneficiario

Na primeira convocatoria desta iniciativa a Administración autonómica impulsou 13 proxectos empresariais aos que se destinaron 2,9M€

 

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2022.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria dotada con preto de 6M€ para seguir apoiando o emprendemento innovador. En concreto, esta liña de axudas financiará a posta en marcha de arredor de 20 proxectos empresariais cun alto compoñente investigador e tecnolóxico. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 30 de setembro.

Así, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), dirixe esta convocatoria aos 15 proxectos excelentes galegos que recibiron boa puntuación na ultima convocatoria estatal do programa Neotec e que non obtiveron financiamento por falta de crédito. Como novidade, este ano tamén poderán concorrer a esta liña de axudas as mellores start ups do resto de España que tamén superasen os limiares establecidos na convocatoria de Neotec 2021 e que trasladen a súa sede social e de traballo a Galicia. Impúlsase así a atracción de talento cara a Comunidade, que ofrece un completo ecosistema de incentivos e de socios estratéxicos para impulsar o emprendemento innovador.
 

Deste xeito, o Goberno galego cumpre co seu obxectivo de que ningún bo proxecto quede nun caixón por falta de apoio e destinará axudas de ata un 85% do orzamento dos proxectos cun importe máximo de 325.000 euros por iniciativa para que poidan levar a cabo os seus plans de negocio durante os anos 2022 e 2023.

Con estes apoios, o Goberno galego segue apostando pola innovación como factor clave para impulsar a recuperación, no convencemento de que o estímulo ás empresas con alto potencial de crecemento e que contribúen á transferencia de coñecemento deben ser unha prioridade para garantir a transición cara modelos empresariais máis competitivos e de valor engadido.
 
Na primeira convocatoria, a Xunta impulsou 13 proxectos con axudas de 2,9M€ no eido das TIC, da modernización dos sectores primarios galegos ou na diversificación de sectores tractores galegos e os seus auxiliares a través dun uso intensivo de tecnoloxías facilitadoras.
 

Esta liña complementa outras actuacións do Goberno galego como a Estratexia de impulso ás pemes, os préstamos IFI Innova, a aceleradora de comercialización internacional da innovación Galicia Avanza ou o traballo que se realiza a través das incubadoras e aceleradoras galegas.