A Xunta de Galicia investirá 4,7 M€ na reforma total do IES Valle-Inclán de Pontevedra, "unha obra histórica para un instituto histórico con 114 anos"

Román Rodríguez presenta esta intervención integral, que superará amplamente as previsións iniciais para responder a todas as necesidades detectadas

Convértese así no maior investimento da Xunta para actuar nun centro escolar, unha achega “sen precedentes que marcará o futuro de alumnos e profesores”

A licitación publicarase nas vindeiras semanas e prevese que os traballos comecen no primeiro trimestre do ano 2023 cun prazo de execución de 16 meses

Divídese en tres eixos: rehabilitación enerxética, estrutural e funcional

O obxectivo é eliminar os problemas derivados do paso do tempo, adaptar e actualizar a infraestrutura e acadar un aforro enerxético de preto do 60%

O proxecto forma parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica co que Galicia se adianta no deseño de escolas poscovid para mellorar a aprendizaxe

 

 

Pontevedra, 31 de agosto de 2022.- A Xunta de Galicia elevará ata os 4,7 M€ o investimento para a rehabilitación integral do instituto Valle-Inclán de Pontevedra. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita a este centro de Secundaria que definiu como “unha obra histórica para un instituto histórico con 114 anos”. De feito, como lembrou, este importe supera amplamente as previsións iniciais para responder a todas as necesidades detectadas.

 

O responsable autonómico de Educación, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, explicou que nas vindeiras semanas licitaranse as obras que comezarán, previsiblemente, no primeiro trimestre do ano 2023. “Este é o centro de Secundaria máis antigo da provincia de Pontevedra e o noso obxectivo é solucionar os problemas do paso do tempo e renovar esta infraestrutura ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para adaptala ás necesidades do século XXI”, afirmou. De aí que vaia a asumir “o maior investimento da Xunta nun centro educativo en toda Galicia”.

 

Cambio de 323 ventás en catro andares

Neste senso, precisou que os traballos que se levarán a cabo durante 16 meses basearanse en tres eixos: rehabilitación enerxética, rehabilitación estrutural e rehabilitación funcional. “Unha das prioridades do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica é mellorar a eficiencia enerxética dos centros educativos e neste caso chegarase a un aforro de preto do 60% de enerxía primaria non renovable”, incidiu Román Rodríguez.

 

Para logralo, tal e como detallou, cambiaranse 323 ventás nos catro andares do edificio, con máis de 8.000 metros construídos. Ademais, mellorarase o illamento das cubertas e o interior da fachada e renovarase o sistema de calefacción, auga quente e iluminación.

 

En canto á rehabilitación estrutural, o proxecto estará destinado a mellorar a estrutura do edificio reforzando os forxados e incrementando a súa seguridade ante o lume e renovando a estrutura metálica do patio cuberto.

 
Cuberta, fachada, aseos, vestiarios...

No último dos eixos inclúese a instalación dunha nova cuberta, a limpeza e tratamento da fachada de pedra, a renovación dos aseos e vestiarios e a mellora dos acabados, portas interiores e contras das ventás e a renovación da cuberta do patio interior. Numerosas intervencións que explica que finalmente se ampliase a previsión inicial de investimento e prazos avanzada en 2021, logo do traballo dos técnicos encargados do proxecto.

 

“En definitiva, unha actuación integral que vai renovar a imaxe deste centro no que estudan máis de 760 alumnos e que non só destaca no ámbito educativo, senón que é xa un símbolo cultural con máis dun século de traxectoria”, apuntou Román Rodríguez.

 

O instituto Valle-Inclán conta cun edificio con características da arquitectura ecléctica de finais do XIX, incorporando elementos do Art Nouveau. Iniciou a súa construción no ano 1908 e ao longo da súa historia sufriu diferentes obras de reforma e reparación de diferente envergadura, realizándose a última gran intervención no ano 1972.

Imaxes relacionadas