A Xunta organiza en Bergondo unha acción de formación profesional e adquisición de competencias no uso da arte floral con fins comerciais

O curso terá lugar do 6 ao 16 de setembro e levarase a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2022

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias no uso da arte floral como motor dinamizador da produción de flor cortada en Galicia. O obradoiro darase ao longo de catro días no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Guísamo, no concello de Bergondo, entre os 6 e 16 de setembro en horario de mañá dende as 9:00 ata as 14:00 horas e de tarde dende as 15:30 ata as 19:30 h.

 

O programa do obradoiro é levado a cabo polas asociacións Agroflor e Floraeira, xunto a expertos na materia. O contido é maioritariamente teórico, e trata aspectos como a evolución histórica e datos de produción actuais xunto a outro tipo de información coma as novas especies no ecosistema. Porén, tamén hai un pequeno bloque práctico, que inclúe a visita a unha explotación de produción de peonia na localidade de Mesía.

 

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso fomentar a incorporación ao sector agrario de floricultores consolidando tanto as especies habituais coma outras novas á alza no emprego de flor cortada. O taller tamén quere fomentar o cultivo da flor de tempada e, en particular, o emprego das novas tecnoloxías na súa comercialización.

 

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 881 043, ou enviarse un correo a cfea.guisamo@edu.xunta.gal.