A Xunta apoia a XIII edición das xornadas Sanxenxo na Historia coa presentación de dúas publicacións sobre o Camiño de Santiago e mulleres galegas ilustres

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa na presentación dos libros nos que se afonda en lendas sobre a Ruta Xacobea e en figuras como Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán ou Sofía Casanova

Sanxenxo (Pontevedra), 30 de agosto 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación das obras Camiño de lenda, de Rafael Fontoira, e Catro mulleres de palabra, coordinado por Marcelino Agís, enmarcadas dentro da decimoterceira edición das xornadas culturais Sanxenxo na Historia, que contan con apoio da Xunta.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo fincapé “na calidade da trama novelada Camiño de lenda, que afonda nos aspectos culturais máis enriquecedores do noso Camiño, dándolle ao lector a oportunidade de coñecer a través do seu relato algunhas das moitas lendas xacobeas e outros elementos do imaxinario popular”. Do mesmo xeito, referíndose a Catro mulleres de palabra, recalcou a “importancia de visibilizar as historias dunha xeración de escritoras na que a muller emerxe no panorama cultural galego e español para conquistar unha posición sobranceira no ámbito da literatura e do pensamento da súa época”.

 

Xunto ao secretario xeral de Política Lingüística tamén estiveron presentes no Auditorio Emilia Pardo Bazán Rafael Fontoira, autor de Camiño de lenda; Marcelino Agís, profesor, escritor e investigador; Manuel Núñez, editor da Editorial Fervenza, e Armando Requeixo, un dos escritores de Catro mulleres de palabra. A xornalista Pilar Falcón foi a encargada de moderar o encontro.

 

Na súa obra Rafael Fontoira afonda nas historias presentes no Camiño de Santiago, describíndoo como “unha ruta por onde penetraron na Península Ibérica todos os coñecementos do resto da Europa medieval, coñecementos da arquitectura, da menciña, da filosofia, da relixión, da agricultura e tamén de lendas”.

 

Trata de recuperar así un pouco das lendas que se manteñen vivas neste Camiño, e non tan só as coñecidas por todos, como a batalla de Roncesvalles ou o milagre de Santo Domingo de la Calzada, senón tamén outras moitas como a dos nibelungos.

 

En Catro mulleres de palabra Marcelino Agís, Armando Requeixo, Rocío Carlo, Alba Iglesias, Eva Asensio, María Godoy, Mª José Pena e Pilar Falcón incorporan á perspectiva literaria a raíz filosófica do pensamento de catro autoras: Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e Sofía Casanova. Fan visibles as súas historias e a situación da muller na sociedade que lles tocou vivir.

 

O programa destas xornadas culturais, que teñen lugar do luns 29 ao mércores 31 deste mes, confórmanse de mesas redondas, coloquios e presentacións de distintos temas relacionados co patrimonio, a natureza e a historia do municipio. As xornadas sirven, ademais, para recoñecer o traballo no ámbito da divulgación e a investigación de Victoriano Otero, que recibirá o premio de Sanxenxo na Historia durante a última xornada.