Fernández-Tapias destaca a aposta do Trofeo Príncipe de Asturias polo deporte feminino

A delegada territorial de Xunta en Vigo participou hoxe no Monte Real Club de Yates de Baiona na presentación tanto da prestixiosa competición como da nova edición dos Premios Nacionais de Vela

Vigo, 30 de agosto de 2022

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou este martes na presentación da 37ª edición do Trofeo Príncipe de Asturias e os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, organizado polo Monte Real Club de Yates de Baiona e que terá lugar do 2 ao 4 de setembro.

 

A representante autonómica destacou durante a súa intervención a aposta do club por unha proba na que se inclúe tamén a 26ª Gestilar Ladies Cup, regata pioneira na aposta polo deporte feminino. “Hai que destacar que desde hai moitos anos Baiona tivo unha excelente visión de futuro e decidiu dar un paso adiante na defensa das mulleres”, apuntou.


“Nesta promoción e defensa do deporte feminino atoparédesme sempre a min e á Xunta de Galicia, para demostrar que a colaboración entre administracións, entidades deportivas e empresas é un modelo moi beneficioso para a sociedade”, indicou. Ademáis, Fernández-Tapias mencionou o premio que recibirán María Perelló e Marta Cardona como Mellor Equipo de Vela Lixeira.

 

A competición está organizada un ano máis polo Monte Real Club de Yates e a Escola Naval Militar, e conta coa colaboración da Real Federación Española de Vela e a Real Federación Galega de Vela. Tamén está prevista unha gala especial para os Premios Nacionais de Vela Terras Gauda, uns galardóns que recoñecen aos mellores deportistas e institucións do mundo náutico en España e que se entregarán o sábado 3 de setembro ás 20:00 horas.

 

Serán máis de 80 os veleiros que competirán, do 2 ao 4 de setembro, nas tres xornadas de regatas programadas, que terán como escenarios o interior da baía de Baiona, diferentes puntos da ría de Vigo e o fondeadoiro das Illas Cíes.

Imaxes relacionadas