Fernández-Tapias celebra que Abel Caballero acate a sentenza sobre a ETEA e agarda agora que ceda os terreos á Xunta tras paralizar o seu desenvolvemento durante anos

A delegada territorial da Xunta en Vigo considera “moi boa nova” que o alcalde por fin cumpra coas obrigas para poder avanzar no desenvolvemento dun proxecto “fundamental” para o barrio vigués

Vigo, 30 de agosto de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, pronunciouse este martes sobre a decisión do Concello de acatar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e devolva os terreos que lle foron entregados no ano 2009 na Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA), no barrio de Teis.

 

“É unha moi boa nova que o alcalde cumpra por fin o que dixeron os tribunais e agardamos agora que ceda os terreos para poder avanzar no desenvolvemento da ETEA”, sinalou a representante autonómica tras coñecer que o rexedor cumprirá agora o convenio firmado polas administracións hai agora 13 anos e despois de ser requerido en multitude de ocasións pola Xunta de Galicia.

 

A orixe do litixio remóntanse ao incumprimento do convenio e o impago dos 11,5 millóns de euros que o Concello tiña que aboar ao Consorcio da Zona Franca de Vigo polos terreos. “O alcalde, como fai case sempre, nunca cumpriu cos seus compromisos e provocou a paralización dunha zona de importante interese tanto para os veciños como para os proxectos de investigación da Universidade de Vigo e o CSIC”, sinalou.

 

A delegada insistiu en que a Xunta de Galicia segue a espera de que o Concello ceda a parcela correspondente aos vieiros que percorren a ETEA para desbloquear a urbanización e avanzar na construción e no desenvolvemento dun proxecto “fundamental” para o barrio vigués de Teis. Sinalou tamén que a última vez que lle foi solicitada a cesión dos terreos produciuse o pasado mes de xuño na comisión de seguimento.

 

“A Xunta asumirá a urbanización e as conexións exteriores da ETEA cun investimento previsto de 11,9 millóns, pero antes necesitamos que o alcalde ceda os terreos”, sinalou.