A Xunta impulsará a contratación de 15 estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou no Parque do Pasatempo en Betanzos os traballos da empresa lucense Parteluz, participante na primeira edición do programa de Doutoramento Industrial co que se promove a incorporación de investigadores en formación nas empresas

A investigación da doutoranda Diana Pérez permitirá avanzar nos protocolos de limpeza da colonización biolóxica en bens patrimoniais expostos á intemperie

A Administración autonómica activará no mes de setembro unha nova convocatoria deste programa, á que se destinan preto de 2 millóns de euros nunha clara aposta polo talento e a creación de emprego de calidade

As axudas están dirixidas tanto a empresas como centros de innovación e tecnoloxía, e permiten financiar custos de contratación e estadías no estranxeiro

Completa os programas da Xunta de Galicia centrados na captación de talento e creación de emprego de calidade no eido da investigación

Betanzos (A Coruña), 30 de agosto de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou hoxe no Parque do Pasatempo de Betanzos os traballos da compañía lucense Parteluz Estudio, participante na primeira edición do programa de Doutoramento industrial co que a Administración autonómica promove a cooperación entre empresas, centros tecnolóxicos e centros de coñecemento en proxectos orientados ás necesidades do tecido empresarial.

 

A colaboración entre esta empresa e o Grupo de estudos mediambientais aplicados ao patromonio natural e cultural (Gemap) da Universidade de Santiago de Compostela, no marco da tese da doutoranda Diana Pérez Velón, graduada en Bioloxía, permitirá desenvolver protocolos para a eliminación permanente da colonización biolóxica en bens do patrimonio histórico-artístico expostos á intemperie.

 

Tal e como anunciou Patricia Argerey, no próximo mes de setembro activarase a segunda edición do programa Doutoramento Industrial, unha iniciativa conxunta da Vicepresidencia primeira e Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Mediante esta convocatoria, a Administración autonómica investirá 1,89 millóns de euros para apoiar a contratación de 15 doutorandos do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia para que poidan desenvolver a súa tese nunha contorna empresarial.

 
 
 

Segundo subliñou a directora da Axencia Galega de Innovación, este programa enmárcase na aposta da Xunta polo talento e o emprego de calidade, e trata de posicionar Galicia como rexión atractiva para o desenvolvemento da carreira investigadora. Búscase así promover a colaboración e transferencia de coñecemento, potenciar a formación de mozos e mozas investigadores e posibilitar a súa incorporación ás empresas e centros tecnolóxicos, así como fortalecer a vinculación entre as empresas e universidades galegas.

 

A primeira convocatoria de Doutoramento Industrial xa permitiu a contratación de 15 estudantes de doutoramento. O programa completa as medidas que desde o Goberno galego se están poñendo en marcha co obxectivo de apoiar o talento e crear emprego de calidade no eido da investigación, como Oportunius, Talento Sénior; Principia; Ignicia e os programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral.

 

O programa de Doutoramento Industrial busca apoiar o I+D empresarial, xa que grazas a esta convocatoria o sector privado pode incorporar investigadores, reforzando así o talento, o emprego de calidade, a mobilidade dos investigadores desde as universidades á empresa, e a transferencia de coñecementos e resultados da investigación.

As empresas e centros de innovación e de tecnoloxía que soliciten a axuda deben contar cun convenio coa universidade no que se concrete a colaboración no desenvolvemento do proxecto de investigación do doutorando industrial. Este proxecto de investigación deberá orientarse cara á resolución das necesidades e problemas concretos da empresa ou centro tecnolóxico solicitante, favorecendo a investigación colaborativa e os procesos de transferencia de coñecemento, así como a formación do investigador ou investigadora. Deste xeito, as empresas e os centros tecnolóxicos beneficiarios achegan o coñecemento práctico e os casos de estudo con problemáticas reais e as universidades a metodoloxía científica. O contrato deberá formalizarse con persoal investigador predoutoral en formación e terá unha duración non inferior a 1 ano nin superior a 3.  

As axudas do Programa de Doutoramento Industrial inclúen os custos de contratación do investigador na empresa ou centro tecnolóxico, así como apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro por parte do doutorando seleccionado, entre outros. Por outra banda, esta axuda financia tamén os gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade.

Imaxes relacionadas